O CDG recupera en outubro «Terceiro acto» tras tres anos

La Voz

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

A produción, con intérpretes de longa traxectoria na escena galega, poderá verse no Salón Teatro

20 sep 2024 . Actualizado a las 04:55 h.

O Centro Dramático Galego (CDG) recupera nesta recta final da celebración do seu 40 aniversario a produción «Terceiro acto», que estreara en abril do 2021. Para iso programa funcións de mércores a domingo a partir das 18 horas desde o 3 ao 20 de outubro na súa sede, o Salón Teatro. Despois desta nova estancia en Compostela, iniciará unha xira por distintas localidades galegas do 24 de outubro ao 16 de novembro.

A unidade de produción teatral da Xunta decidiu recuperar «Terceiro acto» para a carteleira porque cando se estreara era una época de restricións na actividade escénica por mor da covid. Ademais, trátase dunha peza cun gran significado, xa que no seu elenco inclúe a Mabel Rivera, Belén Constenla, Fernando Morán, Roberto Leal e Eduardo R. Cunha, «Tatán», unha xeración de intérpretes que emprendeu a profesionalización do sector escénico en Galicia.

A peza dirixida por Andrea Jiménez e Noemí Rodríguez ten como punto de partida do seu argumento un encontro clandestino dun grupo de actrices e actores veteranos pola noite para mergullarse na que podería ser a súa última aventura xuntos. As entradas para asistir ao espectáculo en Santiago xa están á venda a través da páxina web de Ataquilla.

Visitas teatralizadas

O CDG tamén programa o vindeiro mes iniciativas para conmemorar o 25 aniversario da apertura da súa sede no Salón Teatro. Para iso ten programadas visitas teatralizadas do 6 ao 8, do 13 ao 15, do 20 ao 22 e do 27 ao 29. Os horarios variarán en cada xornada, con varias sesións.

Na programación do vindeiro mes destaca, ademais, a estrea da coprodución cunha compañía alemá de títeres, que se fará no marco de Galicreques. Fóra do Salón Teatro, neste caso no Auditorio de Galicia, o día 19, terá lugar a estrea de «As bruxas de Salem», no marco do programa As Quintas do Camões.