Fernando Buide e Abraham Cupeiro recrean no Gaiás os mundos sonoros ancestrais

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO

SANTIAGO

c

O compositor e o multiinstrumentista irmandan música contemporánea e milenaria

15 sep 2024 . Actualizado a las 04:55 h.

Irmandar a música contemporánea coa ancestral, aquela que procede de instrumentos milenarios como o carnyx celta e o aulos grego. Ese é reto que afrontan o compositor Fernando Buide (Santiago, 1980) e o multiistrumentista Abraham Cupeiro (Sarria, 1980), dous dos expoñentes destacados da música actual en Galicia. O resultado é «A constelación de Saxitario», unha composición de media hora que creou o compostelán especificamente para o músico sarriao e que hoxe resoará na Cidade da Cultura durante o concerto que alza o pano da segunda edición do ciclo Ópticas Contemporáneas (19 horas, museo Gaiás, entradas esgotadas).

«A constelación de Saxitario» xurdiu tras un encargo conxunto da Quincena Musical de San Sebastián e a Consellería de Cultura. «Trátase de poñer a dialogar o mundo que Abraham Cupeiro recupera cun ensemble contemporáneo», apunta o compositor, que comezou a traballar na peza na pasada primavera. «Para min foi moi interesante como compositor porque son instrumentos moi descoñecidos e non existe repertorio para eles. Entón, é descubrir sons novos e tantear un mundo sonoro descoñecido», engade. O título da composición alude a que «as constelacións son mundos imaxinarios que nós concibimos, e neste caso, o que recreamos son eses mundos sonoros nos que vivían a xente que facía uso do carnyx ou do aulos. Entón, cando Abraham Cupeiro colle os instrumentos e os eleva ao aire é como a figura do arqueiro que nós reconstruímos no ceo nocturno na constelación Saxitario».

O proceso de creación da peza foi moi colaborativa, precisa Buide: «Eu propuña cousas e el axudábame a descubrir outras. Entre os dous foi xermolando a obra». E o resultado «é unha partitura difícil, pero moi ben escrita por Buide», destaca Abraham Cupeiro, que engade que se sentiu moi cómodo xa desde os primeiros ensaios xunto ao ensemble de Música Práctica, do que forman parte o propio Buide (piano), ademais de Regina Laza Pérez-Blanco (violín), Manuel Lorenzo (violonchelo) e Alejandro Sanz (percusión. Nese senso, o multiinstrumentista resalta que a obra na que fará soar o carnyx celta, o aulos grego, o cornu romano e as caracolas «está moi ben pensada. O carnyx é o que introduce, cun son moi telúrico, e Fernando utilízao levándoo ao extremo do seu rexistro. Despois, o aulos métenos nun remanso de paz. Co cornu chega un carácter máis agresivo ou bélico, e, ao final, a caracola adormece e leva a unha atmosfera máis tranquila».

A Buide compoñer para estes instrumentos supúxolle «saírse da zona de confort» e lembroulle á opera cómica con texto de Quico Cadaval. «Son proxectos que axudan a crecer como artista porque che obrigan a explorar territorios que non coñeces», di, apuntando que cando se escribe para grupos de cámara hai unha anotación moi precisa, pero ao traballar que este tipo de instrumentos «déixase un marxe máis ampla de manobra». El o que buscou é que os cinco instrumentos soasen como unha soa voz.

Desexo de continuidade

Pero se para Buide foi saírse da zona de confort, tamén para Cupeiro é un desafío á hora de interpretala. «É unha música moi complexa. Ademais, hai que ter en conta que é un esforzo porque algúns dos instrumentos son esgotadores. Afortunadamente, agora podo levalo, pero ao mellor dentro duns anos non podo tocala porque é moi esixente fisicamente», detalla o multiistrumentista. A estrea da obra xa foi en San Sebastián, pero Cupeiro di que hoxe aínda soará mellor ao ter unha atmosfera máis reverberante: «Imos sobrevoar dimensións que non se soen utilizar con estes instrumentos». O que ambos coinciden, entre eloxios mutuos, é en que lle gustaría darlle continuidade a este proxecto. Polo de pronto, Cupeiro segue de xira con distintas propostas e en outubro estará por Inglaterra. En Santiago, haberá a oportunidade de velo en solitario o 26 de decembro no Auditorio Abanca. Pola súa banda, Buide estreará en marzo unha cantata coa Sinfónica de Galicia con texto de Valente e Ernesto Cardenal.