María do Cebreiro, poeta e codirectora da nova Cátedra Rosalía de Castro: «Esta cátedra é un soño moi antigo, un soño do galeguismo»

Elisa Álvarez González
E. Álvarez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

«Trátase de ir para alén dese fetiche cultural da escritora», di a investigadora

08 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Di María do Cebreiro Rábade Villar (Santiago, 1976) que a maior alegría académica da súa vida foi atopar un inédito de Rosalía de Castro, o poema La hija del mar. Agora pon en marcha outro proxecto feliz, a Cátedra Institucional Rosalía de Castro da USC, xurdida froito dun convenio entre o Parlamento e a Consellería de Cultura. Faino como codirectora co profesor Fernando Cabo e facendo realidade algo que moitos arelaban. 

«A cátedra é un soño antigo, é ademais un soño do galeguismo, ao mellor non con esta forma, pero que dúbida cabe que os vellos galeguistas tiveron moitas veces que pensar nunha entidade para o estudo e preservación do legado académico ao redor da escritora», di a poeta, ensaísta e investigadora. María do Cebreiro reparte loanzas entre todos os que traballaron para conseguilo, desde o decano de Filoloxía, Elías Torres, ao vicerreitor Gumersindo Feijoo, pasando por todos os grupos de investigadores que nos últimos quince anos tomaron a figura e a obra de Rosalía de Castro como obxecto.

Nótaselle a esta académica que quere fuxir dunha Rosalía estereotipada. E así o di, «na propia imaxe institucional da cátedra non hai un rostro, e isto foi feito a mantenta por Fernando e por min en colaboración coa deseñadora. Interesounos ir máis alá do rostro». Porque, conta, a autora de Cantares gallegos está moi rostrificada, «e aínda que non me atrevería a dicir que queremos desrostrificar a Rosalía, si se trata de ir para alén dese fetiche cultural, ou tentar facelo e promovelo desde o rigor académico e a vangarda do coñecemento. Penso que llo debemos a Rosalía desde a universidade». 

Esta cátedra promoverá achegas sobre a autora desde perspectivas e paradigmas renovadores, sen esquecer a atención a aspectos máis tradicionalmente filolóxicos. ¿E poderán aparecer novos textos? «Nunca se pode descartar», di María do Cebreiro, xa que ela mesma atopou un poema inédito, pero o que si seguro aparecerán son moitos textos que enriquecerán o seu coñecemento. E refírese en concreto ao fondo da investigadora María Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda, unha das grandes especialistas en Rosalía, «que fatigaba os arquivos, era incansable na busca documental». Prematuramente finada, o seu viúvo, Xesús Alonso Montero, legou todo ese material cheo de carpetas inéditas e valiosísimos textos para o rosalianismo, «imos traballar o curso que vén nunha xornada ao redor deste fondo», conta.

Se a codirectora quere ir máis alá da icona, tamén dos tópicos. Durante decenios se asociou a autora a unha muller chea de morriña e pena, e nos últimos anos pasouse á beira oposta. «É gracioso porque agora se caeu nunha especie de antitópico, dise Rosalía non é a nai chorosa, e xa hai outro tópico, porque o antitópico lévate de novo a el». Negar a súa expresión da dor, conta Rábade Villar, «é negar parte da súa obra. Poucas mulleres expresaron na literatura o sentimento da dor e da dor pola perda como ela», di. Pero a codirectora entende que o rosalianismo, como un campo vivo que é, «é un campo en disputa e non todo o mundo ten que pensar o mesmo».

Reforzar a proxección e o coñecemento de Rosalía no ámbito galego, peninsular e internacional forman parte dos obxectivos dunha cátedra que xa parte dunha autora que naceu literariamente internacional, «escribe e vive sendo unha escritora galega, peninsular, europea e mundial. Por dicilo doutra maneira, é lectora de Goethe, Edgar Alan Poe e por suposto de moitas escritoras do seu tempo». A diáspora axudou nesta internacionalización que se evidencia, conclúe, en especialistas como Kathleen March, americana, ou Catherine Davies, a quen o venres se lle entregou a Insignia de Ouro da USC polo súa dedicación na investigación sobre Rosalía.