«A xente está agora máis concienciada: non o deixa para o último momento e cando non acude anula a súa cita»

x. m. SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

24 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Como secretario xeral del Sindicato Unificado de Policía (SUP) en Galicia, Roberto González, coñece ben as carencias e necesidades da Policía Nacional na comunidade. De feito, nos últimos anos teñen reclamado en numerosas ocasións que se reforzasen as oficinas de expedición ante os retrasos que se chegaron a acumular e que afectaban directamente ao cidadán.

—A que se debe esta redución de prazos nos tempos de espera para renovar o DNI?

—Hai varios factores. O principal é que a xente está agora máis concienciada, non o deixa para o último momento e cando non acude anula a súa cita. Entenden que hai que ter a documentación ao día coa antelación necesaria e non esperar ata o último día, porque o DNI é necesario para viaxar, pero tamén para facer unha herdanza ou un contrato. Hai que ter en conta que se sacas unha cita a 30 días, é moi posible que ao final acabes sacando outra noutra unidade de documentación e moitas veces non se anula a primeira e ao final iso provoca que os funcionarios están esperando por xente que non aparece.

—Hai outros motivos?

—Si, as máquinas novas que puxeron son máis áxiles e rápidas á hora de expedir os documentos, co cal non se precisa tanto tempo para facer o trámite. Ademais, hai que ter en conta que estas datas, por ser final de curso, non son de moita demanda porque as familias non as escollen para ir tramitar a documentación. Os datos de tempo de espera son moi positivos, pero vanse incrementar substancialmente nos meses de verán porque vén xente de fóra que aproveita para renovar o carné e ademais é época de viaxes e a xente aproveita para renovar DNI e pasaporte porque os precisan para as súas vacacións. En xullo e agosto a media vaise incrementar.

—A recomendación é adiantarse todo o posible.

—Pódese acudir tres meses antes de que caduquen os documentos e tamén é recomendable fuxir dos meses de verán nos que sempre hai máis demanda e coincide en que baixa o persoal polas vacacións dos traballadores dos equipos de expedición.

—O ministerio fixo algún plan de reforzo?

—O ministerio vai un pouco tapando buratos. Cando hai moito volume de traballo e aumenta o retraso nas citas pois monta horas extra e reforza certos postos. Ademais, hai policías que se apuntan nunha bolsa de horas para facer ese servizo no seu tempo libre e que reforzan aos funcionarios que traballan na expedición.

—Pero non se están a ampliar os cadros de persoal.

—Non, e, de feito, unha das reivindicacións que ten o SUP é que faltan moitos funcionarios da Administración xeral do Estado nas comisarías. En Galicia, Vigo é onde a situación é máis alarmante, xa que hai un déficit grande que obriga a que sexan policías os que teñan que facer esas labores burocráticas, que poden ser os DNI ou tramitar actas de incautación nas secretarías de seguridade cidadá o xudicial. A burocracia cómenos e, ao final, no lugar de ter patrulleiros na rúa ou en tarefas de investigación teñen que estar facendo estas cousas.