O xurado destacou o artigo por «transmitir, desde a emoción e a homenaxe, a relevancia que as persoas maiores teñen na comunidade»
16 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.O escritor e xornalista Ramón Vilar Landeira, natural de Rodís (Cerceda) e veciño de Ordes, vén de gañar o sétimo Premio de Xornalismo Manuel Lueiro Rei, que concede o Concello de Fornelos de Montes. Leva por título A veciña do segundo e impúxose entre os textos presentados, acadando a unanimidade do xurado, formado polo xornalista Ramón Rozas, o escritor Ramón Nicolás, a xornalista Carme Vidal e a coordinadora do premio, Carme Carreiro. Na súa escolla, o xurado destacou o artigo de Vilar por «transmitir, desde a emoción e a homenaxe, a relevancia que as persoas maiores teñen na comunidade, e o moito que poden achegar ás xeracións novas».
É «dende o cotián, desde os sentimentos, reparando en persoas que están ao noso arredor e moitas veces pasan case inadvertidas», que o autor explora este tema. «O autor fai un exercicio de recoñecemento, de homenaxe, a unha muller coa que cadra no fin da súa vida, mais que fica na memoria tempo despois da súa morte. O artigo fai así protagonista a unha muller de máis de noventa anos, coa que a voz que relata non ten relación familiar, mais deixa pegada imborrable na súa vida e a dos seus», trasladaron logo da escolla do artigo.
«Os vellos e as vellas son, moitas veces, grandes esquecidas no noso tempo. Están, pero moitas veces non se lles escoita, as decisións importantes xa non recaen nelas e pasan a ocupar un papel secundario que é, sen dúbida, inxusto. O artigo de Ramón Vilar dálle unha volta a esta situación, pon no centro esa veciña que tanto achega, que ofrece o mellor que ten, as leccións de vida que ficarán para sempre», sinala o xurado.