Goretti Sanmartín: «Nós non vimos para facer o de sempre, nós vimos para cambiar as cousas»
SANTIAGO
A alcaldesa sostén que «hai que recuperar eses vínculos de ser de Santiago e o Alba naceu para iso»
09 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Goretti Sanmartín (A Estrada, 1964) cumpre mañá un ano na alcaldía. É a primeira muller e a primeira nacionalista que a ostenta, aínda que o fai co executivo máis exiguo (6 edís propios e 2 de CA). Chegou ao goberno co apoio do PSOE, con que sacou tamén os seus primeiros orzamentos. Con eles aprobados, coa reestruturación interna en Raxoi en marcha, os acordos para o Clínico e o abastecemento no rural encamiñados coa Xunta, o novo contrato do SAF e programas sobre a mesa en materia de conciliación, saúde mental e comedores escolares, sostén que este foi «un ano moi fructífero». «Había quen podía pensar que non iamos ser capaces de sacar as cousas, e aí están, saíndo adiante», di.
—Como se xestiona a capital con só oito edís e en coalición?
—Ben, con moito traballo e dedicación. Somos un equipo sólido, unido, con moitas ganas de transformar cousas e que soubo neste tempo dialogar de maneira clara coas Administracións e poñer orde no que é un concello complexo, singular, que soporta unha presión moi grande pola cantidade de xente que vén de fóra e onde existen moitas administracións. Pero o máis importante é a vontade e pensar en proxectos a medio prazo dos que van deixar pouso mentres se atende o día a día.
—Cales son eses proxectos?
—Pois a creación dunha empresa municipal de vivenda para ir facendo un parque de vivenda, a regularización dos contratos importantes introducindo novidades, como no do transporte, ou esa comisión para determinar a xestión da auga. Ou o concurso de ideas para transformar unha das vías fundamentais da cidade: non deixamos de ter en mente as necesidades de Santiago a medio prazo. Tamén os convenios para os bombeiros e a contorna do CHUS.
—Fala de diálogo con outras administracións, pero a oposición non ve ese talante con ela nin a transparencia que vostede reclamaba aos seus predecesores.
—Estamos facendo diálogo respecto das cuestións que se poñen en marcha, de maneira prioritaria coa forza que sentimos como aliada máis próxima, xa que foi a que apoiou a investidura. Mesmo agora coas vivendas de uso turístico (VUT), Mercedes Rosón estivo informada. Hai talante claro de diálogo, pero creo que nun momento puido haber resistencia a iniciativas novidosas, como Alba de Compostela, un elemento que xerou identidade, orgullo de ser de Santiago e ilusión na veciñanza. Viuse que era algo necesario. Ás veces hai certas resistencias aos cambios e, claro, nós non vimos para facer o de sempre, vimos para cambiar as cousas. Santiago necesita elementos de autoorgullo de ser de aquí nestes momentos.
—Por que nestes momentos?
—Porque co debate sobre a cantidade de xente que chega todos os días, sobre a dificultade dalgúns espazos de seguir sentíndoos como propios, pouco a pouco a xente foise desprazando, deixando de sentirse como colectivo e é necesario volver recuperar eses vínculos de ser de Compostela —o Alba naceu para iso tamén—, ou o tema de utilizar a praza do Obradoiro como un elemento de goce infantil e das familias, para dicir isto e dos composteláns.
—Nunha recente enquisa de Sondaxe, os composteláns melloran a valoración sobre vostede, pero non chegan a darlle o aprobado en xestión, aínda que o roza.
—As enquisas son tendencias, pero nesa a mellor valoración é a do goberno, practicamente no aprobado, pero todo o mundo entende que no primeiro ano non dá tempo a desenvolver o programa. Estamos intentando facer unha reorganización importante no Concello, necesaria para axilizar procedementos. Pero coñezo o camiño que temos que andar para que a xente vexa que o Concello é útil, áxil, eficiente. Todo iso hai que melloralo. Iso non se ve, pero co tempo estou segura de que a xente vai mellorar esa valoración.
—Un ano despois, mantén a invitación ao PSOE a entrar no goberno?
—El sabe que ese ofrecemento segue aí, pero non ten ningún sentido que eu o ande dicindo, porque están instalados noutro papel. En todo caso, son eles os que teñen que decidir o que queren facer. Nós temos un traballo claro. Estamos centrados en gobernar e temos ganas, capacidade, enerxía e orzamentos, ferramentas por tanto para seguir adiante transformando esta cidade, e entendo que o PSOE vai seguir mantendo responsabilidade nos temas importantes que temos por diante.
—Os retos para o próximo ano?
—Un fundamental é a protección do comercio tradicional, pero tamén a transformación urbana sustentable, as políticas de vivenda, a regularización dos contratos en precario, modernización municipal para axilizar pagos e licenzas, o pacto polo rural, Peleteiro e o que máis pide a veciñanza: un bo mantemento en barrios e parroquias.
«A xente pide vivenda digna a prezo razoable»
A decisión de non regularizar as VUT existentes antes da modificación do PXOM que regulou a implantación desa modalidade de aloxamento centrou o debate público esta semana.
—Ten moi enfadados aos propietarios das VUT.
—Xa dixemos que hai unha imposibilidade legal de facer unha ordenanza de usos preexistentes. Podería terse debatido cando se modificou o PXOM arredor dunha disposición transitoria que nós defendemos. E podo entender que se xeraran algunhas expectativas por debates daquel momento, pero os momentos son importantes en política. E tendo en conta o interese xeral e os problemas de vivenda que está habendo temos que respectar esa modificación do PXOM, que permite 60 días de aloxamento turístico, e ver como vai evolucionando a cousa. Haberá que facer unha análise nun tempo, pero en xeral temos que traballar por que haxa unha vivenda digna. E xa dixen que non creo que as VUT sexan a única causa de expulsión da poboación, pero é un elemento que o intensifica e hai que regulalas dalgunha maneira e é o que se fai aquí. Á parte diso, estamos facendo outras cousas como activar o rexistro de soares, crear a empresa de vivenda. A xente o que nos está pedindo é que haxa vivenda digna e a prezo razoable.
—A oposición sostén que lles deu esperanzas. Chegou a comprometer que ía regularizar?
—Non, por suposto que non houbo ningún compromiso de regularizacion. Como vou facer ningún compromiso de legalización de nada? Iso debateuse xa hai tempo e puido haber por parte de todas as forzas un debate arredor de se esta modificación era a mellor posible ou se podía aproveitarse para facer unha disposición transitoria onde se metese nese momento algún tipo de excepción. Ese pode ser un debate, pero non estamos aí. Agora estamos en que hai unha aprobación dunha modificación do PXOM e por tanto temos que seguir para adiante.
«O que antes puido ser e non foi temos que solucionalo agora», di sobre a operación Peleteiro
Sanmartín ten por diante o reto de pechar asuntos de calado que están pendentes dos mandatos de Bugallo e Noriega, entre eles, o do Peleteiro e o párking do Clínico.
—Volveu de Madrid cun acordo para incrementar a vivenda protexida no Peleteiro. Pero vaise manter o negociado en cuestión de usos cos anteriores gobernos?
—Vai haber menos usos hoteleiros e comerciais e máis residenciais e con máis vivenda protexida.
—Si, pero canto?
—Estase traballando dende Sareb e o Concello sobre os criterios que marcou o ministerio. A Sareb quere manter a edificabilidade pero está disposta a unha alternativa para reducir o uso hoteleiro e comercial e que haxa máis vivenda e máis protexida. Estou segura de que imos chegar a unha proposta. Agora estamos aquí e con licenza xa pedida pola propiedade. Nestas condicións, un acordo para reducir eses usos e aumentar a vivenda creo que é unha boa noticia neste momento e neste contexto.
—Pero pode defender que é unha solución mellor que a que se negociou nos oito anos anteriores?
—Nalgunhas cousas é mellor, porque se incrementa vivenda protexida, noutras pode non selo, porque hai máis edificabilidade. Pero hai 8 anos non foi, hai 4 tampouco. E o que antes puido ser e non foi temos que solucionalo agora.
—Para cando o convenio do Clínico? Estará o párking nos orzamentos da Xunta do 2025?
—Espero que si e que en pouco tempo poida haber un acordo marco xeral. E, por suposto, que teremos que comezar a ver non só os pasos iniciais para o párking, senón tamén para a construción dalgún dos accesos ao recinto.
—Desenvolveu certa aversión aos prazos: os dos orzamentos, das VUT e da taxa turística demoráronse de máis. Atrévese co da auga?
—Agora reunirase a comisión e ela verá se hai que facer análisis e, cando estean, levarase a pleno. Pero xa que fala da taxa turística, podía estar implantada xa se ao presidente da Xunta lle valese o informe e unha proposta lexislativa xa feita por este goberno. Pero dixo que non lle valía.
—Pediulles máis informes hai 8 meses e aínda non llelos remitiron.
—Xa están, e queriamos entregarllos directamente. Estabamos agardando a que houbese unha xuntanza, porque tamén queremos falar con el da débeda que ten a Xunta con Santiago pola capitalidade. É a que menos recibe por este concepto, e non é de recibo. Esixímoslle que cumpra con Santiago, que reciba ao seu goberno e reúna o Consello da Capitalidade.