Redrum Teatro representa no Salón Teatro a súa nova montaxe
26 oct 2023 . Actualizado a las 04:55 h.Venres 17 • 20.00 horas • Salón Teatro • 10 euros • Redrum Teatro pon de novo ao espectador a reflexionar. «O teatro ten que servir para pensar, para extraer unha aprendizaxe, para revolverte por dentro. [...] É a súa parte interesante, que cando saias teñas máis preguntas que respostas», afirma Alex Sampayo, un dos fundadores da compañía. E con «O pequeno poni», a peza coa que durante hoxe e mañá recala en Santiago, pousa a mirada nun asunto de perenne actualidade: o acoso escolar.
A compañía con base en Teo tiña hai tempo no caixón de obras que desexaba facer este texto de Paco Bezerra. Non é a primeira vez que aborda o tema do acoso escolar, xa que tamén o fai no espectáculo «A nena que quería navegar». Pero, o xeito de tratalo, cambia. Se na anterior peza o facía desde o punto de vista da vítima, da nena acosada, agora faino desde o punto de vista dos pais, de como afecta ao núcleo familiar que un neno sufra acoso. «Parece que o problema está no acosado e na escola, pero o problema vai máis aló xa que o acoso escolar destrúe as familias», resalta Sampayo.
Na montaxe, Guillermo Carbajo e Laura Míguez métense na pel do pai e da nai dun neno de nove anos que vai á escola cunha mochila da súa serie de debuxos animados preferida, «O meu pequeno poni», e esperta as mofas, vexacións e a violencia dos seus compañeiros. Cada un dos membros da parella afronta a situación de maneira diferente. «Os dous queren protexer ao rapaz, pero de distinto modo. Son dous camiños igual de válidos, pero que teñen consecuencias nefastas para o rapaz. A nai quere tirar a mochila e o pai, máis loitador, pretende que o neno se enfronte aos seus agresores e el mesmo se enfronta», relata Sampayo, que dirixe a montaxe.
Baseada nun caso real
A peza escrita por Bezerra no 2016 e agora representada por Redrum inspírase nun caso real que aconteceu en Carolina do Norte, cando o neno Grayson Bruce, tras acudir á escola coa mochila da serie, non chegou a sentar no seu pupitre polos ataques dos compañeiros e a dirección do centro acabouno culpabilizando a el. «Os textos baseados en experiencias reais son máis interesantes, porque tamén serven como escusa para falar da homofobia, dos prexuízos, da estrutura familiar...», di Sampayo.
Redrum chega a Santiago coa nova montaxe despois de pasar por Carballo, Ourense e unha preestrea no Grove. Polo de agora, destacan a boa acollida desta peza que está recomendada para rapazada a partir da ESO. Entre as próximas paradas de «O pequeno poni» están Teo e Porto do Son. Tamén seguen coa representación doutras montaxes como «Hamelin», estrada a principios de ano.