
A novela de intriga e as guías de viaxe, entre os préstamos máis habituais na biblioteca Ánxel Casal: «Cando vimos collemos un feixe, normalmente ata o máximo que temos permitido»
04 sep 2023 . Actualizado a las 05:00 h.«Unha biblioteca é un escudo contra a barbarie. Un refuxio, o saber en movemento. Un servizo básico». Se as bibliotecas non existisen, se cadra Diego Ameixeiras nunca tería lido a Rulfo, a Blanco Amor, a Patricia Highsmith, e os seus xeitos de narrar nunca o terían atravesado, mesturándose como parte do seu propio imaxinario literario, que rematou desembocando nunha prosa recoñecida con numerosos premios e aínda máis lecturas. Hoxe, cando atravesa a porta da Ánxel Casal, seguen alí as lecturas que o crearon, e canda a elas, nos andeis, están as súas propias novelas. O cervo e a sombra, que lle valeu o Premio Nacional de la Crítica no 2022, foi un dos libros máis prestados este verán.
«Alégrame moito que O cervo e a sombra siga a ser un dos libros máis prestados porque nunha pasaxe do seu argumento, precisamente, nárrase o nacemento dunha biblioteca». Santiago comeza a poñer o chapeu nubrado e no silencio reparador da Ánxel Casal comeza a sentirse a vibración lene da fin das vacacións e do regreso á rutina. No segundo andar, Marcial colle un libro do expositor e olla as primeiras páxinas, como ten feito co seu fillo durante todo o ano, tamén nas vacacións. O cativo sostén entre as mans un volume de Ibáñez, pai de Mortadelo e Filemón e compañeiro de imaxinación de tantas xeracións que este verán foi unha das lecturas máis solicitadas polo sector infantil e xuvenil da Ánxel Casal. Tamén tiveron moito éxito series de manga como Naruto, Guardianes de la noche, The promised Neverland, DragonBall ou My hero Academia.
A cativada máis afín á novela escolleu para as lecturas vacacionais Momo de Michael Ende, Las brujas de Roald Dalh e algún libro de coñecemento, como Mi primer libro sobre Egipto.
Os Bolechas e Superpataca son series que acompañaron á xente pequena nas tardes de praia, como O pesadelo de Mateo de Estefanía Padullés, ou clásicos da literatura como Sherlock Holmes. E no apartado de non ficción, o libro máis prestado estes tres meses foi Nom estamos quebrades de Nee Barros.
«Cando vimos collemos un feixe de libros. Normalmente ata o máximo que temos permitido coas tarxetas dos dous». Ás veces, son libros só para o pequeno e outras vai no lote algún para Marcial. Tamén os adultos teñen lecturas favoritas para o verán. Elba Martínez, traballadora da biblioteca Ánxel Casal, explica que empezan a coller forza nestas datas as guías e libros de viaxe, os dicionarios e as novelas romántica e de intriga, por exemplo. E tamén as novidades, claro. Este ano, ademais de O cervo e a sombra, as novelas para persoas adultas en galego con máis préstamos foron Campus Morte de Lito Vila Baleato, Coa man esquerda de Xabier Quiroga e A vida secreta de Úrsula Bas de Arantza Portabales.
A antropoloxía da auga de Anne Carson foi o libro de poesía que máis interese espertou e en banda deseñada o máis prestado foi Regreso á illa de San Simón, coordinado por Kiko da Silva. En novela en español, os volumes con máis préstamos foron Un mundo feliz de Aldous Huxley, La carretera de McCarthy, Un amor de Sara Mesa e Todo arde e La novia gitana de Gómez Jurado. Entre os libros de coñecemento, tivo moitas lecturas Para unha historia do cinema en lingua galega de Margarita Ledo.
Tamén se emprestaron moito libros para a preparación de oposicións, algo que non é exclusivo do verán, senón que acontece durante todo o ano, explica Elba Martínez, e este ano, ante o número de prazas que se convocan, «moito máis». A biblioteca, que retoma xa o seu horario habitual (de 8.30 a 21 horas), muda un pouco estes meses. Se no inverno quen pasea entre os andeis e senta nas mesas e nas butacas son a veciñanza e o estudantado universitario, nos meses de vacacións hai moita máis xente maior e tamén turistas, que se achegan para conectarse á wifi e tamén para ler. E tamén se fan tarefas como o expurgo dos catálogos e a recolocación de fondos, por exemplo.
Obradoiros, concertos, roteiros, exposicións e outras actividades máis aló da lectura
Ademais de recuperar o seu horario habitual, a biblioteca Ánxel Casal recupera este outono os seu programa de actividades. Os sábados ás 12 horas volverá a Choiva de Contos e durante esta semana aínda estará en marcha o programa de conciliación que se puxo en marcha ao abeiro do Plan Corresponsables e no que participan un total de 120 rapaces e rapazas. O Plan Corresponsables tamén permitirá poñer en marcha a partir do 20 de setembro unha chea de obradoiros todos os mércores para facilitar a conciliación da vida familiar e laboral.
Ademais, neste cuadrimestre hai moitas datas sinaladas no Calendario do Libro e da Lectura, e para cada unha delas a biblioteca ten preparadas unha manchea de actividades para atender as necesidades de todas as persoas usuarias: concertos, presentacións de obras, charlas, roteiros, obradoiros, contacontos...
Entre as datas sinaladas de aquí a final de ano está o Día das escritoras, Día da biblioteca ou novembro como o mes da ciencia en galego nas bibliotecas. Tamén haberá programación especial para celebrar o Día da Lectura e no Nadal.
Ademais, no mes de outubro retomaranse as actividades permanentes para as persoas adultas dentro da biblioteca, que inclúen os diferentes clubes de lectura (galego, castelán, inglés, francés, banda deseñada e feminista), a aula de maiores, que permite á xente de 55 e máis anos obter coñecementos novos ou lembrar os que aprenderon na súa mocidade e a aula tecnolóxica tamén para persoas maiores. Ademais, retomarán a súa actividade os obradoiros de filosofía, que permite a todas as persoas maiores de 18 anos interesadas nesta disciplina iniciarse e ampliar os seus coñecementos sobre o pensamento filosófico.