
As funcións celebraranse entre o 2 e o 23 de setembro
31 ago 2023 . Actualizado a las 04:55 h.Santiago acollerá entre o 2 e o 23 de setembro a 22ª edición do festival de teatro amador Agustín Magán coa participación de seis compañías das 58 que conforman a Federación Galega de Teatro Afeccionado (Fegatea). «O festival amosa a diversidade das propostas de artes escénicas non profesionais de Galicia», salientou o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, na presentación da cita xunto a presidenta de Fegatea, Chelo Pampillón; o director do Auditorio de Galicia, Xaquín López; e o director do CDG, Fran Núñez.
As primeiras obras veránse na fin de semana no Teatro Principal. A compañía Desfeita Teatro representará «A Pousada do trú-trú» o sábado e Teatro de Cámara Ditea subirase o día 3 ao escenario con «Nice to kill you». Ambas empezarán ás 20.00 horas.
O festival proseguirá no Salón Teatro, onde o día 9 actuará Hipócrita Teatro representando «Arte», e o día 10, Avelaíña Teatro escenificará «Almas na gloria: don Paco». O 16 e 17 na sede de Fegatea no Castiñeiriño haberá un taller de construción de máscaras de cartón con Kukas. O broche chegará no CSC Santa Marta. O día 22 Pico do Castro representará «O randiña» e ao día seguinte baixará o pano ao festival «Apuntamentos para un magnicidio» de Ditirambo.

O director do Auditorio, Xaquín López, incidiu en que o teatro amador «é un dos piares da construción dun ecosistema escénico e cultural potente. Non só crea públicos, senón que tamén da pé a crear públicos activos». Chelo Pampillón lembrou que cando naceu Fegatea eran só sete grupos e agora alcanzan os 58 en activo. Outro dos puntos no que fixeron fincapé foi na ligazón entre o teatro amador e o profesional. Nese sentido, Fran Núñez aludiu a simboloxía que supón que a sede do CDG acollerá estas actuacións no inicio do curso polo seu 40 aniversario.