A compañía teense Redrum abordará o acoso escolar e a homofobia en «O pequeno poni»

La Voz

SANTIAGO

cEDIDA

A adaptación da peza escrita por Paco Bezerra poderá verse en Santiago a finais de outubro

30 ago 2023 . Actualizado a las 04:55 h.

A compañía Redrum Teatro inicia esta semana en Teo os ensaios do seu próximo espectáculo, «O pequeno poni», unha peza escrita por Paco Bezerra (Almería, 1978) que ofrece unha reflexión sobre o acoso escolar, a homofobia e a aceptación da diversidade. A montaxe, que estará dirixida e adaptada por Álex Sampayo, contará con Guillermo Carbajo e Laura Míguez como protagonistas. A súa estrea está prevista o 13 de outubro no Pazo da Cultura de Carballo no marco do Festival Internacional de Outono (FIOT). A Santiago chegará o 26 e o 27 de outubro, con funcións no Salón Teatro.

Con esta peza, a compañía con sede en Teo escolle de novo un texto que «pon o foco na cativada e na súa vulnerabilidade fronte aos perigos que padecen os menores no seo dunha sociedade que é incapaz de brindarlle unha protección firme». Se na súa última montaxe, «Hamelin», aborda os abusos sexuais, nesta ocasión dirixen as miradas ao acoso escolar.

Os personaxes de «O pequeno poni» son Xaime (Guillermo Carbajo) e Irene (Laura Míguez), unha parella cun fillo de nove anos, Luismi, que vai á escola cunha mochila da súa serie de debuxos preferida, «O meu pequeno poni», o que esperta as mofas, vexacións e a violencia máis brutal dos seus compañeiros. Do texto emerxe unha mensaxe en defensa dos dereitos LGTBI+ nos contextos de intolerancia na contorna educativa.