A portuguesa Maro regresa ao festival Maré en Santiago o día 21 cun concerto con outras artistas

La Voz

SANTIAGO

Sandra Alonso

A artista encheu no pasado xuño o Salón Teatro como carta de presentación do evento

23 ago 2023 . Actualizado a las 04:55 h.

O 5 de xuño a cantante portuguesa Maro encheu o Salón Teatro na carta de presentación da nova edición do festival Maré en Santiago. Só tres meses despois, o xoves 21 de setembro, a artista volverá no marco da cita desta volta cun concerto no Teatro Principal. Se na súa primeira actuación na cidade a artista presentaba o seu recente traballo «Hortelã» acompañada polos músicos cataláns Darío Barroso e Pau Figueres, neste regreso ofrecerá un concerto especial no que contará coa participación de distintas artistas convidadas.

As entradas para ver a artista portuguesa que na edición pasada do festival Eurovisión quedara no noveno posto xa se atopan á venda a partir de 15 euros. A actuación será no Teatro Principal ás 20.00 horas na segunda xornada do festival, que se celebrará do 20 ao 24 de setembro.

A organización non só desvelaba nas últimas horas o regreso de Maro, senón tamén a participación do artista catalán Pol Battle, que presentará o seu primeiro traballo, «Salt mortal», acompañado por Rita Payés. O concerto será tamén no Teatro Principal pero ao día seguinte, o 22 de setembro. As entradas tamén poden adquirirse a partir de 15 euros.

O festival Maré xa anunciou cinco dos concertos destacados desta edición. Aos de Maro e Pol Battle, hai que unir os de Alexandre Abreu & Habana d’Primera; Lívia Mattos e Fado Bicha; Bia Ferreira e O Rabelo; e Don Letts e Soom T & The Stone Monks. Ademais, ten á venda o abono por 100 euros para as actuacións. Serán máis dunha vintena ao que lle haberá que sumar outras actividades.