Quico Cadaval pon voz ao saxofón de Pablo Castaño na Alameda compostelana: «Hai humor no jazz»

La Voz

SANTIAGO

Santi M. Amil

A proposta «Ornitology» parte dun dos míticos do xénero musical, Charlie Parker

09 ago 2023 . Actualizado a las 04:55 h.

20.00 horas • Alameda (Xunto á estatua de Lorca) • Entrada libre • A narración oral de Quico Cadaval fusiónase de novo coa interpretación jazzística do saxofonista Pablo Castaño. Se hai dous anos tomaran como referente a un mito deste xénero musical, John Coltrane, agora botan man doutro, Charlie Parker e a súa composición «Ornitology», que fixo xunto ao trompetista Benny Harris. O proxecto recala esta tarde á Alameda no marco do Festival C despois de representarse, entre outros lugares, no Museo Reina Sofía de Madrid nunha xornada dedicada á ecoloxía. «Pablo Castaño interpreta temas míticos e improvisacións e eu intento achegar ao público a importancia de Parker, falar do misticismo do canto das aves e da fascinación literaria que ten a cultura moderna co jazz», explica Quico Cadaval.

O narrador, actor e director lembra que Parker —coñecido como Bird (paxaro)— fixo ese tema emblemático «Ornitology» baseándose na importancia que lle dan aos paxaros como primeiros compositores. «Entón, o que fago é falar de Charlie Parker, pero sobre todo relaciono a música con historias de paxaros», apunta. E, haberá humor nesta proposta? «Hai un humor no jazz, porque no ‘bebop’ [un dos seus estilos] estaban desmontando unha linguaxe anterior e para iso parodíabana, burlábanse dela, o que son mecanismos do humor. Non é o obxectivo do espectáculo, no que si hai unha viaxe ao misterio», detalla Cadaval. Nese aspecto, lembra que Parker «é un mito do jazz, pero tamén da cultura contemporánea» e por iso no espectáculo aborda «a fascinación da cultura europea polo jazz, porque nel hai algo misterioso, que non se nos revela».