Borja Verea, candidato do PP á alcaldía: «Sinto Santiago, síntoo en clave de futuro e con moitas cousas por facer»

rosa martínez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Borja Verea acompañando a dous dos seus tres fillos ao autobús escolar
Borja Verea acompañando a dous dos seus tres fillos ao autobús escolar PACO RODRÍGUEZ

«Son o único candidato co que todos saben cales son as súas propostas», di

25 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Borja Verea (Santiago, 1980) aspira este domingo por primeira vez á alcaldía polo PP. Veciño do Ensanche, ten no acompañamento dos seus fillos ao autobús escolar «o mellor momento do día: aínda que son poucos minutos, é tempo de calidade con eles», di tras acompañar aos dous maiores onte. A pequena non ten aínda idade escolar.

—Preguntaranse que fai a imaxe do seu pai por toda a cidade.

—Si. A maior, de 9 anos, como é máis independente, lévao de forma máis natural. O que si lle gusta son os anuncios de yutoube nos que aparezo. Ao rapaz, que ten 7, gústalle moito o deporte e expliqueille que son catro equipos que se presentan, que os catro se están esforzando moito para poder gañar e gobernar a cidade e que o xurado son os veciños.

—Non lle sería nada doado conciliar nestes tempos, non?

—A verdade é que a dedicación en precampaña ou campaña esixe unha dedicación total e un compromiso practicamente absoluto, pero temos a familia. Nese sentido son afortunado, teño a meus pais, aos sogros, e iso axuda moito.

—Segue sendo máis difícil para as mulleres conciliar, en xeral?

—Creo que si. Aínda que os dereitos formais están aí, hai moito que avanzar para chegar a esa igualdade material real.

—Di vostede que é un político de vocación tardía. Cando deu o paso?

—Son licenciado en Dereito, interventor de Concello, pero incorporeime no 2009 á Xunta. Estiven en postos de responsabilidade técnica e nos últimos anos como alto cargo, pero o paso á militancia, ou en clave máis política, foi cando se abriu a posibilidade de ser candidato. E nese momento non o dubidei. Para min non hai responsabilidade pública máis importante que ser alcalde de Santiago.

—Hai tres anos era un descoñecido na cidade. Hoxe as enquisas din que ten un coñecemento do 73 %. Como se chega aí?

—As últimas xa están dando o 80 %. Aí hai moito traballo, moito patear Santiago, escoitar a xente e aprender de Santiago. Nese sentido fun un privilexiado, porque tiven tempo e dedicación para percorrer a cidade, entendela mellor. E iso tamén ten o efecto de que a xente acaba coñecendo a un.

—Confese, que coñecía do municipio ata entón?

—Pois o que podería coñecer un veciño normal, pero é certo que é imposible ter un coñecemento da cidade se un non ten unha dedicación como puiden ter eu ao longo destes 2 ou 3 anos, nos que vin que o compostelanismo é a suma das diferentes entidades de todos os barrios, Ensanche, casco histórico e rural. Todas esas identidades e diferenzas, sumadas, conforman ese compostelanismo.

—Toca a guitarra e o baixo. Son un refuxio para momentos de estrés ou os ten apartados precisamente agora?

—Son unha ocasión para compartir. Ás veces nos xuntamos amigos de sempre da escola para pasar un rato xuntos. Os verdadeiros músicos son eles, eu o que fago é acompañalos de vez en cando.

—Algún concerto memorable como espectador?

—Un na Quintana de Madredeus. É un deses concertos que recordo con especial intensidade.

—E cal lle gustaría ver en Santiago?

—Pois creo que hai que apostar por dous modelos: por ter concertos de máximo nivel puntuais, e non podemos renunciar a ningún dos grandes artistas a nivel internacional; e tamén ter claro que a estratexia ten que focalizarse en formatos medios, integrados no contexto urbano e aproveitando o propio escenario da cidade. Esas son as dúas liñas que estou propoñendo en materia cultural. Que artista primeiro? Calquera das principais figuras internacionais ten que pasar por Santiago. Deixo aos lectores que decidan cal podería ser ese gran artista e comprométome a que estea aquí.

—Declárase vostede un lector compulsivo. Que le?

—De todo. E ademais o que me relaxa é a lectura escoitando música. Este tempo que dedico á lectura é o que me baixa as pulsacións e me relaxa. Agora mesmo estou lendo o libro de Marcos Calveiro sobre Domingo Fontán. Empezo a ter unha biblioteca xa interesante. Gústame o que é o libro, coidalo e ter libros que tamén signifiquen algo. Unha das pequenas xoias que teño é unha primeira edición das memorias de Churchill.

—Tirou algunha lección desas memorias?

—Pois, ter as cousas claras, ter moita ambición, ter os obxectivos e, unha vez que tes a estratexia, non modificala porque hai que confiar na decisión tomada.

—Hai conciencia de barrio no Ensanche?

—Si, estou convencido de que a hai. A xente sinte o Ensanche, enténdeo, é o barrio máis grande e o que dá vertebración a toda a cidade e hai sentimento de Ensanche, que se enmarca nesa suma de identidades que constrúen ese compostelanismo.

—Un dos seus lemas de campaña é compostelaré. Que é compostelaré?

—É o verbo compostelar en futuro. Compostelar é sentir a cidade, e sentila ademais en clave de futuro. Esa é a mensaxe que quero trasladar e que quedou reflectida nesta campaña. Creo que son o único candidato onde todo o mundo sabe exactamente cales son as súas propostas, que é o que quero para Santiago. Algunhas gustarán, outras non, é o que ten ser concreto e propoñer como un soña Santiago, e o 28M, no caso de que confíen en min, saben exactamente o que van votar. No caso de que decidan polas outras tres forzas, saben que hai unha tómbola, porque non saberán quen vai ser o alcalde nin que vai pasar coa súa cidade. O que quería trasladar con compostelaré é que sinto Santiago, e síntoo en clave de futuro e con moitas cousas por facer.

—Os outros candidatos cuestionan o seu Paseo de Galicia.

—Ese é un dos meus proxectos máis ambiciosos, que suporá un novo concepto de cidade, a peonalización de toda a Virxe da Cerca, praza de Galicia, Senra e Porta Faxeira, soterrando todo o tráfico. O proxecto é técnica e economicamente viable e aí está o caso do Parrote na Coruña, moito máis complexo, e o que se está a facer en Vigo na praza do Sol. Será o proxecto de transformación máis grande desde os anos 90. Se a outras forzas non lles gusta é lexítimo e a xente poderá escoller.

«É lexítimo se ás outras forzas políticas non lles gusta o Paseo de Galicia, pero é viable e a xente poderá escoller»