
O Teatro Principal acollerá hoxe e mañá funcións da nova montaxe de Ainé
24 mar 2023 . Actualizado a las 04:55 h.Hoxe e mañá • 20.30 horas • Teatro Principal • 12 euros • Co aforo practicamente esgotado esta noite e con moi poucas entradas dispoñibles para mañá estréase no Teatro Principal «Códice K», a montaxe teatral de Ainé baseada no roubo do Códice Calixtino no ano 2011. Sen embargo, sobre o escenario non estarán representados nin Manuel Fernández Castiñeiras, o electricista autor do roubo, nin o xuíz, nin o inspector nin os membros da curia, senón as mulleres que o circunvalaron, como son a muller do electricista, a inspectora, monxas... «A protagonista é a inspectora que levou todo o caso. Ela vertebra toda a comedia que ten algo de forma dos ‘true crime’, porque quixemos facer un ‘true crime’ mesturado con comedia», afirmaba na presentación da peza Tito Asorey, que dirixe a peza xunto a Noemí Rodríguez.
Sobre as táboas do Principal para protagonizar esa historia extraoficial entre ese 7 de xullo do 2011 que transcendía o roubo do Códice e o ano despois cando era detido Manuel Fernández e atopado este tesouro do patrimonio nun garaxe do Milladoiro estarán as actrices Lucía Veiga, Marita Martínez, Graciela Carlos e Patricia Castrillón. As catro actrices estarán acompañadas en escena pola música en directo de Russ. O autor do texto, Manuel Cortés, explicaba que para construír este relato houbo moita documentación previa, aínda que despois toda a trama sexa artellada desde a ficción.
Nesta xornada da estrea, ao concluír, haberá un encontro entre protagonistas desta produción e o público.