Unha xornada con Rosalía no festival do casco histórico

La Voz SANTIAGO

SANTIAGO

XOAN A. SOLER

Dende as 11 da mañá, actividades para todos os públicos con «Súper Rosalía»

25 feb 2023 . Actualizado a las 04:50 h.

A Praza de Cervantes, en Santiago, é hoxe o escenario principal do Festival Rosalía, dende as 11.00 horas, con entrada libre e gratuíta. Tras a intervención da deputada provincial de Normalización Lingüística, María Muíño; a concelleira Mercedes Rosón; e o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira, abre a feira desta xornada protagonizada por «Súper Rosalía». Ás 13.00, pasarrúas teatralizado con Os Quinquilláns. Ás 13.30, recital musicado con Faia, no Colexio Maior de Santo Agostiño. Ás 16.30, espectáculo infantil con Sole Felloza, en Cervantes. Unha hora máis tarde, na mesma praza, Faladoiro «O feminismo en Rosalía», con María Xesús Lama, Carme Adán e María Reimóndez. Ás 18.30, poesía e música con Ugia Pedreira e Marina Oural, no Centro Social Maruxa e Coralia. Ás 19.30, de novo na Praza de Cervantes, recital poético con Andrea Nunes, Ánxela Lema, Lucía Aldao e Diana Kurich. Rematará este Festival Rosalía co concerto de O Val das Mouras, ás 20.30, no Teatro Principal.

Gala en Bertamiráns

Tamén o Concello de Ames homenaxea hoxe a Rosalía cunha gala poético-musical conducida por Esther Estévez, ás 19.00, na Casa da Cultura de Bertamiráns, con entrada libre e gratuíta.