Xosé Sánchez Bugallo: «Neste mandato hai un obxectivo común da oposición: ir a por Bugallo»

rosa martínez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

O candidato á reelección á alcaldía polo PSOE defende que están afrontando con «claridade e decisión» o caso Pichel

05 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Xosé Sánchez Bugallo (Teixeiro, 1954) aspira á reelección de novo tras volver á política local no 2019. Faino logo de enfrontar dúas crises de goberno en só dous meses. A última, que conlevou a dimisión do seu concelleiro de Medio Rural por un conflito de intereses nun contrato da Administración, centra a atención política agora mesmo en Raxoi.

—O caso Pichel estao poñendo contra as cordas.

—Non, non o vexo así, pero si recoñezo que é un tema que me fai sentir profundamente incómodo e desgustado. Para un político honrado o único que pode sacar da súa actividade política e xustamente iso, a honra, o servizo aos demais e, cun pouco de sorte, un certo recoñecemento por ese servizo. E por tanto, este tema, as cousas que se están dicindo e plantexando, dalgunha maneira é un ataque directo a esa honestidade persoal e política.

—O goberno admite erros e defende o descoñecemento do vínculo de Pichel con Desproi, pero a oposición entende que queda moito por explicar aínda.

—Eu creo que queda bastante menos. Outra cuestión é que eles teñen interese en obter rendibilidade política. Levan administrando a contagotas información que teñen desde decembro, e pensamos que nalgún caso desde novembro, para manter o caldiño fervendo. Está claro que o seu obxectivo non era nin esclarecer a verdade nin resolver o problema, senón o desgaste político, e creo que nós estamos afrontando o tema con claridade e decisión.

—É difícil dar cun final de mandato así nos últimos 30 anos. De sabelo, tería optado á reelección?

—Nunca fun unha persoa que non dera a cara polos problemas. Sabía que ía ser un final duro, porque hai algo que está sucedendo neste mandato: todo se concita cun obxectivo común, que é ir a por Bugallo. Común e compartido por toda a oposición. É moi evidente nesta segunda metade.

—Ese obxectivo común determinou o mandato?

—Tivo unha influencia notable. Hai decisións ou non decisións que non teñen explicación posible máis que nese obxectivo de desgastar e de bloquear ao prezo que fose. O que ten sucedido co Peleteiro é inexplicable, tres anos intentando un acordo e ao final se bloquea a solución, con explicacións bastante incribles. E o mesmo co tema do concurso da auga. Onde o BNG ten os seus gobernos históricos xestiónase por concesión, pero aquí se bloquea. E que o PP plantexe que non ten decisión tomada sobre se a xestión debe ser municipalizada, iso non é crible, non é coherente coa súa posición. O único obxectivo é bloquear a acción de goberno porque se entende que se eses temas saen adiante pode haber un beneficiario político e é preferible castigalo, aínda que para iso haxa que castigar a toda a cidadanía.

—Á marxe diso houbo conflitos veciñais que non souberon ver.

—Vivimos un momento no que a moitas persoas lles está custando ver o interese xeral, están centrados no que a eles lles preocupa directamente e a globalidade non se ve. E hai despois un concepto político indeterminado que se chama veciñanza: é dicir, cada vez que sae un grupo de persoas a protestar hai un grupo de persoas que di que hai que darlle a razón. E iso bloquea calquera cidade e calquera proxecto. Hai que saber antepoñer o xeral a lexítimas aspiracións particulares. O que pasou co Peleteiro é paradigmático.

—As vivendas de uso turístico insisten en poder seguir operando.

—Esperamos aprobar a modificación do PXOM este mes e trataremos de contemplar algunha alternativa para as que empezasen a operar con anterioridade ao 2019, cando se iniciou a modificación do PXOM, e que cumpran os requisitos que deben cumprir. Trataremos de buscar unha saída, como xa en certa medida lle demos a algunhas coa compatibilidade de poder utilizar dous meses ao ano para aluguer turístico cos ouros dez para outro aluguer. Abriremos unha porta.

—As enquisas reflicten un desgaste do goberno que agora mesmo lle restaría dous edís. Teme o que poidan dicir logo do caso Pichel?

—Cando se produce un tema deste tipo resulta doloroso para o propio goberno e non se pode considerar, a priori, beneficioso. Pero os cidadáns deberán elixir entre o que queren e o que non queren e valorarán tamén a seriedade e o compromiso coa cidade. Non é mellor quen lle dá a razón a todo o mundo, aínda que non a teña. Valorarán a coherencia, o compromiso, a seriedade.

«É moi difícil pensar nun goberno que non pivote sobre o PSOE»

Bugallo di que é cedo para falar de listas, pero «trataremos de facer a mellor lista posible, coa que o conxunto dos cidadáns se poidan sentir identificados e coa maior capacidade de xestión».

—Goretti Sanmartín vese liderando unha coalición de esquerdas. Di que o seu momento pasou.

—A ilusión é importante! Non coñezo ningunha enquisa que sustente esa afirmación. E este momento eu xa o vivín, con enquisas que lle daban 7 ao BNG, incluso 4 ao PSOE. Pero en Santiago, sinceramente, é moi difícil pensar nun goberno que non pivote sobre o PSOE. Con maior ou menor fortaleza, pero todas as enquisas que coñezo dan iso. E iso tamén é unha mensaxe importante, porque os cidadáns deberán axudar a definir cal é o peso e o papel de cada un.

—Estaría disposto a formar parte dun goberno que non liderase vostede?

—Non considero esa hipótese.

—As súas propostas, os retos, para o novo mandato?

—Están na Axenda 2030. Aí fixemos un gran esforzo por definir o modelo e o proxecto de cidade. Iso tamén se fixo neste mandato e tratamos de consensualo o máximo posible. Aprobouse sen votos en contra. Aí se formulan os grandes obxectivos: ampliar a base económica da cidade, unha política social moi potente, tanto orientada á xuventude como aos sectores que socialmente se atopan con máis dificultades, e defínese unha cidade verde, ecoloxicamente sostible, dotada de amplos espazos para o goce da cidadanía. E plantéxanse retos importantes sobre a mobilidade, o reparto de mercadorías... Hai un compromiso claro deste goberno. E tamén está o pacto polo rural: hai que conseguir un maior equilibrio co urbano.

«Hai quen non o ve, pero Santiago está batendo récords»

O alcalde revólvese contra as críticas de que a cidade está parada.

—Fala de bloqueo, pero hai cuestións que non dependían da concorrencia da oposición, como os servizos aínda sen contrato.

—Todas as concesións que recibimos estaban caducadas e moitas xa están contratadas, como o SAF, parques, limpeza, e está en licitación a iluminación. Son 4 das 6 principais. Queda o transporte, pendente de Madrid, e a auga, que foi bloqueada polo pleno. Nunca outra corporación sacara tantos grandes contratos ao tempo.

—Pero con atraso.

—Foi o que puidemos, pero as dúas anteriores non sacaron nada: moitos destes contratos viñan do meu mandato anterior. Fíxose un esforzo enorme nunhas circunstancias moi complicadas como foi o da covid, que nos condicionou totalmente a acción de goberno, e iso é importante dicilo. Alterou a orde de prioridades, e tamén nos botou por terra todos os estudos do transporte. Pero cando se dá unha crise deste calibre, o primeiro que hai que facer é atendela, e creo que o goberno tivo un traballo excelente. E, dende logo, en Galicia ninguén nos igualou, tanto en materia de atención social, con máis de 6.000 persoas, como despois no apoio á hostalería, comercio e sectores económicos máis afectados. E hai programas que seguiron, como os Bonos Corazón.

—Á marxe da pandemia, a oposición fala dunha xestión pésima.

—Mire quen o di. Eu marchei no 2011 con tres grandes problemas pendentes: a intermodal, a EDAR e o orbital. E volvo logo de oito anos e me volvo a atopar co mesmo, só que en peor situación.

—Compostela Aberta di que xa estaban enfiados no 2019.

—Iso é falso e sábeo. En abril do 2019 os cartos para a depuradora estaban redirixidos ao saneamento da ría do Burgo, porque a Xunta víaa inviable naquel momento. Por tanto, os fondos estaban perdidos. Coa estación do AVE, había un convenio que dicía que ata que non houbese 3,5 millóns de viaxeiros non se iniciarían as obras. E aí están, con 3,1 millóns de viaxeiros no 2022. E o orbital, con previsión de remate a finais de ano. E o polígono da Sionlla era un erial cando chegamos e hoxe o problema é que se está esgotando e hai que ampliar solo industrial. Hai quen non o quere ver, pero estamos nun Santiago que este ano bateu todos os récords: de viaxeiros no aeroporto, na estación, de estadías hoteleiras. E co menor nivel de desemprego desde o 2004. Das sete cidades galegas, foi a que máis emprego creou e a que máis reduciu o paro.

—Pero si houbo problemas de xestión, como os atrasos no pago a provedores.

—Hóuboos, pero cando falamos de que a cidade vai mal ou está parada, é falso. Na xestión diaria houbo problemas, sen dúbida. A administración electrónica creou máis dificultades das que podiamos supoñer e o problema de pagos en gran medida veu de aí.