Agora hai futuro

Xosé Sánchez Bugallo ALCALDE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

SANTIAGO

28 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O futuro adoita agoniarnos, pero o presente, moitas veces, parece atraparnos. Nun concello pasa algo polo estilo: hai que saber cadrar as peticións inmediatas da veciñanza cun modelo e un proxecto de cidade. En todo caso, presente e futuro quedaron esquecidos. Vivimos catro anos decepcionantes nun mandato con tres alcaldes do Partido Popular e outros catro anos de parálise coas mareas, que deixaron unha cidade sen presente nin futuro. Agora, recuperamos o rumbo.

Aquel 19 de xuño de 2019 no que sostiven de novo o bastón de mando sabía que con el viña unha enorme lista de tarefas pendentes que, por insolvencia ou desleixo, os que estiveron antes deixaron correr. Mentres outras cidades seguían crecendo, nós quedamos encorados. Tivemos que volver coller impulso: contrato de recollida dos residuos orgánicos, comedores escolares, Servizo de Axuda no Fogar, iluminación,... todos os contratos estaban vencidos e practicamente conseguimos sacalos todos adiante. Outros, como o da auga, que levaría o saneamento ao rural, non. A oposición, desde ese 19 de xuño de 2019 decidiu iniciar a campaña electoral e, con ela, decidiron poñer paus nas rodas a todo canto este goberno propuxera. O contrato da auga foi un exemplo, Peleteiro outro. Exemplo de bloqueo e exemplos de que o que importa, o que lle importa a oposición non é a veciñanza.

A pesar diso, que se fixo? Impulso ao solo industrial cuns polígonos baleiros no 2019 e necesitados de ampliación neste 2023, estación intermodal, enlace orbital e orbitaliño coa AP-9, nova EDAR en marcha, autovía de Lugo con data de finalización, administración electrónica e un longo etcétera no que, en ningún momento puidemos atopar a oposición co corazón en Compostela.

Pero agora, a pesar de todo, Santiago ten un futuro claro. A pesar incluso de que durante dous anos unha pandemia levounos a cambiar as prioridades e retrasar os investimentos, porque o primeiro eran as nosas veciñas e veciños, as familias, o noso comercio e a noso tecido económico. O primeiro eran, e son, as persoas.

E a pesar dos atrancos, e pensando na veciñanza, o balance que facemos a estas alturas é que temos todos os grandes proxectos da cidade en marcha e 300 millóns de euros comprometidos en investimentos.

E mentres uns miramos cara o futuro, outros traen o pasado de volta, xudicializando a política a poucos meses das eleccións e comprando discursos que recordan ao 2011. Máis do mesmo. Nós tamén ofrecemos máis do que sabemos facer: xestión, colaboración e lealdade institucional con propostas beneficiosas para a cidade e o rural, modernización, diálogo e consenso. Damos solucións. Garantimos futuro. Agora hai futuro.