O IES de Melide recupera o seu festival de música en galego

Natalia Rodríguez Noguerol
n. noguerol MELIDE / LA VOZ

SANTIAGO

NOGUEROL

Celébrase hoxe coa cambadesa Pauliña como artista convidada

27 ene 2023 . Actualizado a las 17:30 h.

11.20 da mañá. Nos corredores do IES de Melide sona música en galego. Non é nada extraordinario no centro, onde, durante todo o curso, aproveitan o tempo de recreo para achegarlle aos alumnos o traballo de artistas que cantan no idioma propio da comunidade. A voz que se escoita esta semana é a de Pauliña, a artista convidada ao festival «Eu presumo de galego», que, logo de dous anos sen poder celebrarse por razóns obvias —a pandemia—, regresa hoxe co concerto da cantante cambadesa, e as actuacións de Kase7e e Herba Grileira.

No cartel repara a docente Marga Quintela para dar conta dunha satisfacción engadida á que lle xera á organización, na que participa activamente o alumnado, a propia recuperación da cita. «Nas sete edicións do festival é a segunda vez que a artista convidada é unha muller, Kase7e é un grupo formado por alumnado e ex alumnado do instituto, e xa é tradición convidar a rapazada que fai música en galego e está vinculada ao centro, e Herba Grileira é o noso grupo insignia, porque sempre nos acompaña no pasacalles» explica. A xornada, apoiada pola Concellería de Cultura, tamén inclúe un faladoiro no que participarán todos os artistas, e unha comida de confraternidade á que asistirán representantes do IES de Arzúa, que é o instituto convidado este ano.

«Eu presumo de galego» naceu no curso 2014-2015 da man do equipo de Normalización Lingüística do IES de Melide «máis que por unha necesidade de incentivar o uso da nosa lingua no centro, onde o noso alumnado é maioritariamente galego falante, por unha necesidade de prestar atención á música que se facía e se fai en galego, e que estaba e sigue estando fóra dos circuítos comerciais», sostén Marga Quintela. Nao, Superoito, Zënzar, Cuarta Xusta, Dakidarría, e Ezetaerre puxeron musica ás anteriores edicións do festival, distinguido pola Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua co premio Mil Primaveras na súa primeira edición.

Proxecto transversal

E é que a cita chega á súa sétima edición consolidada como un proxecto transversal que abriga iniciativas que naceron baixo o seu paraugas como os propios recreos con música en galego, unha lista de reprodución cos artistas convidados, ou o concurso que se convoca para o deseño do cartel, das camisetas e das chapas do festival. Dese xeito, implica agora, ademais de ao alumnado, a outros departamentos do centro, como os de Plástica, de Música, e de Tecnoloxía..

Uxía Vázquez, Noelia Miguélez e Lucía Senande son tres mozas ás que, esta semana, se lles puido atopar durante o recreo atendendo o posto que se instalou na planta baixa do IES para despachar o merchandising, e para repartir as entradas para o festival, gratuítas para os membros da comunidade educativa. Alumnas de segundo curso de bacharelato, cren que o «Eu presumo de galego» aquece máis cá nunca este ano «porque o castelán vén de superar ao galego como idioma máis falado en Galicia, polo que hai que volver ter a nosa lingua presente», defenden.

A realidade no instituto de Melide non é esa, aínda que na enquisa sobre hábitos lingüísticos que, a finais de cada curso, se realiza no centro, «si que é certo que, a pesares de que o galego segue sendo a lingua de uso habitual e maioritario no alumnado, vemos un retroceso, especialmente nos cursos máis baixos, percibimos un cambio nos hábitos lingüísticos a favor do castelán entre a rapazada de primeiro e segundo curso de Secundaria», apunta Marga Quintela, que coordina o departamento de Normalización Lingüística do IES melidense. Por esa razón, «pensamos que iniciativas deste tipo son as que serven para dinamizar o uso da lingua, que non está normalizado porque vivimos aínda nun momento diglósico no que, e cada vez é máis evidente, a lingua maioritaria é ,na maioría dos casos, o castelán», engade Quintela, crítica coa política lingüística da Administración.