Descubrir Santiago a través de novelas e escritores con Compostela Literaria

La Voz

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

O Concello reuniu nun portal web itinerarios e recursos lúdicos

27 ene 2023 . Actualizado a las 23:04 h.

Santiago pódese percorrer na procura do seu amplo patrimonio, dos seus espazos verdes, pero tamén a través das letras: dos autores e autoras ligados á cidade, das novelas que a toman como referencia, das súas librarías, editoras e bibliotecas. Todo elo sen esquecer tampouco os itinerarios deseñados en torno a diferentes figuras literarias ou temáticas nos últimos anos. Todo iso foi reunido en Compostela Literaria, unha páxina web que agora relanza o Concello, na que reúne contidos e recursos para deixar patente a estreita relación que ten a cidade coa literatura.

A iniciativa, que foi presentada pola concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, xunto a Óscar Senra, da cooperativa Maos Innovación Social, inclúe un mapa literario cunha mostra de obras, autoras e autores de marcada compostelanía, sexa xa nativa ou adoptiva, sexa por relevancia ou por intensidade.

Ademais, a páxina web recompila itinerarios por Compostela ligados a Federico García Lorca, Carlos Casares, Emilia Pardo Bazán, Xela Arias, Ánxel Casal e Rosalía de Castro, entre outros. Tamén seguindo escenarios de obras literarias, como as que protagonizan Abad e Barroso da man de Arantza Portabales. Son máis dunha decena de posibilidades.

A proposta, que está previsto que siga medrando, tamén ofrece información de autores ligados á cidade. De Airas Nunes, Rosalía, Torrente Ballester ou Otero Pedrayo ata os actuais, como Berta Dávila, Inma López Silva, Alberto Ramos, Javier Peña, María do Cebreiro... O mesmo pasa coas novelas, achegando desde obras do século XIII ata as que saíron do prelo recentemente. Ademais, piden achegas por parte dos lectores para incorporar novas referencias. «Compostela literaria quere ofrecer unha visión panorámica da relación entre a nosa cidade e literatura», afirmou Mercedes Rosón durante a presentación.

A nova páxina web tamén conta cunha serie de recursos lúdicos, como xogos didácticos e un «escape city». Ademais, invita a participar enviando «microficcións» ambientadas en Compostela, que non poden superar as trescentas palabras.