Samu: «Ao equipo doulle un sobresaínte»

Manuel García Reigosa
M. G. REIGOSA SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

O centrocampista do Compos advirte de que a vindeira visita a Burgos pode ser «un partido trampa»

24 ene 2023 . Actualizado a las 20:19 h.

Samuel Rodríguez (Val do Dubra, 1995), Samu, é deses xogadores que sempre suma. Chegou ao Compos con 20 anos e vai camiño dos 28. É unha das voces que pode falar con máis autoridade á hora de analizar ó feito polo equipo azul e branco ata a data.

—¿Que nota lle pon ao equipo na primeira volta?

—Pois un sobresaínte, seguramente, polo menos notable tirando a sobresaínte. Custounos empezar, con moitos xogadores novos, adestrador novo, moitas lesións.... Fomos quen de saír adiante e coido que a primeira volta foi moi boa.

—¿Cal foi o punto de inflexión?

—Ven dado pola recuperación de xogadores. Empezamos sen Crespo, sen Antas, houbo varias lesións.... Tentamos arranxar tanta baixa como se podía. No momento que estivemos todos cambiaron as cousas. Tamén tivo que ver o cambio de sistema.

—¿Que é o que máis custou á hora de facerse co modelo que aplica Fabiano?

—Ao principio demandaba máis concentración en fase defensiva, que fósemos máis intensos. Anos atrás, como dominabamos tanto, a fase defensiva duraba pouco. Agora son máis largas, obríganos a estar máis centrados e traballar máis. Tampouco axudou ao principio a falta de xogadores por lesións.

—Entendo que xogar case que sen extremos foi un dos principais cambios.

—Certo que noutras tempadas viñamos xogando con extremos rápidos. Agora non hai extremos tan puros, pero si xogadores que caen a banda. Penso que a adaptación é boa.

—¿Cal é o rival, ou rivais, que máis lle chamaron a atención ata agora?

—Uff, difícil destacar un en concreto. Coido que Arenteiro e Guijuelo foron os máis duros da primeira volta, como di a clasificación. O Guijuelo, aquí, gustoume moito, un equipo moi ordenado e traballado, coas ideas claras. E que dicir do Arenteiro, difícil para todos, tamén coas ideas moi claras e capaz de adaptarse a todos os campos.

—¿Como afectan as turbulencias alleas ao deporte no vestiario?

—Non vou mentir. Todo o que non traslada tranquilidade desde fóra afecta, sobre todo cando non sabes que vai pasar. Fomos quen de lidar con iso. A directiva, antes de calquera cousa, sempre comunicou aos capitáns que estivésemos tranquilos. Pero cando hai ruído e nervios, non axuda. Tratamos de que non nos prexudique. Seguramente afectou máis o ano pasado.

—Hai un ano o equipo foi caendo na segunda volta, tras unha primeira boa. ¿Tomaron nota para que non se repita?

—Precisamente, os capitáns falamos coa directiva para que, se pasaba calquera cousa, o equipo estivese informado. O ano pasado case nos viamos todos fóra, se había cambios radicais ou bruscos. En todo caso, non sei que pasou. A primeira volta estivo á altura da de esta tempada. Na segunda perdemos todo o gañado. Espero que non volva pasar.

—Supoño que algunha explicación tamén terá que ver co xogo.

—Claramente, cando non gañas non é so polo de fóra. Cando a dinámica non é boa e todo o que rodea non axuda, todo se volve máis difícil. Non sei a ciencia certa que pasou. Case nos custou ata salvarnos, e o xogo foi a peor. No fútbol, ás veces, pasan cousas difíciles de explicar. Mire os problemas que está tendo o Sevilla, feito para estar en Europa.

—Tamén é certo que estamos a falar dunha categoría traizoeira.

—Moi igualada. Nas segundas voltas é máis difícil gañar. Moitos dos de abaixo compiten contra todos. O Rayo Cantabria, cando xogou contra nós, estaba para meterse terceiro e agora atópase en play out. E gañas un par de partidos, como o Ourense, e das un impulso na clasificación.

—¿Síntese coma o comodín, o xogador de garda no Compos?

—(Risa) Sempre me caractericei por ser un xogador que está para o que necesite o equipo, aínda que ás veces iso me poida prexudicar. Onde me necesiten, aí estarei, sen problemas. Sempre me gusta analizar o fútbol e fixarme en todas as posicións. Obviamente, non o farei igual en todas.

—Entendo que onde se ve máis a gusto é como medio centro.

—Sempre me gustou xogar aí, si, como pivote único ou con dobre pivote. Con Baleato xoguei un ano como extremo. Tamén me teñen posto como central e como lateral.

—¿Como se presenta a visita a Burgos?

—Pos é un partido trampa. Ves a clasificación e parecen descendidos, pero custa gañarlles, vas alí e píntanlle a cara a calquera. Temos que traballar como o vimos facendo, sabendo que hai que saír moi enchufados.