O Casino de Santiago distingue a Arantza Portabales e homenaxea a Almudena Grandes o día 30

La Voz

SANTIAGO

M. G.

Divulga en comercios e con paraugas as obras gañadoras do Premio de Novela Traducida durante toda esta semana

24 ene 2023 . Actualizado a las 04:55 h.

O Casino de Santiago porá o broche o vindeiro luns 30 a primeira edición do seu Premio de Novela Traducida a outra lingua europea, que tivo como gañadoras a Arantza Portabales na modalidade galega pola súa obra «Deixe a súa mensaxe despois do sinal» e a Almudena Grandes, na modalidade de outra lingua oficial do Estado, por «Los pacientes del doctor García». Será a partir das 19.30 horas nun acto que se celebrará no propio Casino compostelán. Nel entregaráselle a distinción á autora galega e tributaráselle unha homenaxe á escritora madrileña, que faleceu en novembro do 2021. Para iso, contarán co xornalista Jesús Ruiz Mantilla, gran amigo de Almudena Grandes, que achegará tanto a súa obra literaria como a súa persoa, resaltou o presidente do Casino, Ubaldo Rueda. O Dúo Gamma será o encargado de poñerlle a nota musical á actividade.

Pero a iniciativa non se quedará só no acto do vindeiro luns, senón que ao longo desta semana tamén se levará a cabo unha campaña para divulgar as dúas novelas gañadoras e achegalas aos composteláns. De novo, o Casino dáse a man con tecido comercial e libreiro e as dúas obras convivirán co resto de produtos nunha trintena de establecementos de Santiago. Ademais, repartirán trescentos paraugas ilustrados coas obras de Arantza Portabales e Almudena Grandes e as súas imaxes, que se entregarán en comercios e librarías ao longo desta semana.

Libro de Ruiz Mantilla

Por outra banda, o xornalista Ruiz Mantilla non só participará no acto de lembranza a Almudena Grandes, senón que pola mañá, ás 12.00 horas, terá lugar unha presentación-coloquio sobre o seu libro «Papel». Acompañarano os directivos do Casino Xesús Fernández Sulleiro e Maribel Martín.

As actividades foron presentadas onte por directivos do Casino de Santiago, que estiveron acompañados polo secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García; a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón; ademais de representantes dos comercios e das librarías.

O libreiro Antón Pedreira fixo fincapé na «moi merecida» homenaxe a Almudena Grandes, así como no galardón a Arantza Portabales, «unha escritora ue nas súas obras está moi reflectido Santiago e a comarca». Pola súa banda, José Antonio Seijas, presidente de Comercio Punto Compostela, apuntou que desde o comercio están «encantados» de colaborar con este tipo de iniciativas culturais. Por último, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, resaltou a importancia desta iniciativa que sitúa a literatura galega a nivel da feita en outras linguas e destacou o cada vez maior impacto dos premios literarios do Casino.