Lúa Mosquetera, Wilma Vieira e Xisco Feijóo recollen o premio aRi[t]mar o 15

La Voz

SANTIAGO

CEDIDA

Catuxa Salom e A garota não actuarán na gala que se celebrará no Teatro Principal

13 dic 2022 . Actualizado a las 04:55 h.

Xoves 15 • 20.30 horas • Teatro Principal • Entradas de balde previa retirada • O certame anual aRi[t]mar, impulsado pola Escola Oficial de Idiomas (EOI) de Santiago para recoñecer o mellor da música e a poesía en Galicia e Portugal, entregará este xoves os seus premios correspondentes ao pasado ano nunha gala no Teatro Principal. Nela está previsto que recollan o seu galardón Xisco Feijóo, Wilma Vieira e Lúa Mosquetera. A nómina de distincións nesta edición complétaa a fadista de recoñecida fama internacional Ana Moura. Ademais, o proxecto Ponte... nas Ondas» recibirá o Premio Especial do Xurado á Embaixada da Amizade Galego-Lusónfana pole seu traballo constante en prol do achegamento das culturas das dúas beiras do Miño.

A gala contará coa actuación da artista emerxente galego-arxentina Catuxa Salom e da portuguesa A garota não, segundo explicou o director da EOI, Gonzalo Constenla, durante a presentación do evento. Pola súa banda, Lúa Mosquetera e Wilma Vieira protagonizarán o apartado poético nunha gala que conducirán Isabel Risco e Fran Rei. Os convites para asistir como público poden retirarse a partir de hoxe, ás 11.00 horas, na web de compostelacultura.gal. Tamén se poderán recoller no despacho de billetes da Zona C, así como o mesmo día da gala desde unha hora antes no propio Teatro Principal.

Constenla presentou a gala acompañado por representantes de institucións que apoian o proxecto, caso de Xosé Lago, director do agrupamento de Cooperación Transfonteiriza Galiza-Norte de Portugal; Mercedes Rosón, concelleira de Acción Cultural; Xosé Luís Penas, deputado provincial; e Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística.