«Sen Elías Valiña o Camiño de Santiago non sería o que é actualmente»

La Voz

SANTIAGO

CEDIDA

O Museo das Peregrinacións e de Santiago acolle esta mañá a presentación do documental sobre o inventor das frechas amarelas da ruta

11 dic 2022 . Actualizado a las 04:55 h.

11.00 horas • Auditorio del Museo das Peregrinacións • Entrada libre hasta completar aforo • O documental «Elías Valiña. O inventor das frechas amarelas» busca saldar a débeda pendente cunha figura fundamental no actual bum do Camiño de Santiago. Así o afirma Aser Álvarez, director da produción que se proxectará esta mañá no Museo das Peregrinacións coincidindo con 33 aniversario da morte do coñecido como cura do Cebreiro. «A figura de Elías Valiña era moi coñecida no Cebreiro, en Triacastela, en Sarria, pero moi descoñecida no resto de Galicia, cando Galicia ten unha débeda pendente con el porque foi o gran visionario e o principal precursor da ruta xacobea. O Camiño non sería o que é actualmente senón vivise Elías Valiña», resalta Aser Álvarez.

O documental, con marcado carácter divulgativo, pretende deixar patente a contribución de Elías Valiña ao Camiño. Nese sentido, Álvarez lembra que foi o autor das primeiras cartografías sobre a ruta xacobea, da primeira tese doutoral, de promover as asociacións de Amigos do Camiño e «de ter a visión de que o Camiño de Santiago ía ser unha oportunidade única para traer riqueza a moitos territorios rurais de Galicia». Entre as súas achegas máis destacadas tamén está a creación «dunha das marcas máis recoñecidas do mundo enteiro»: as frechas amarelas que serven de sinalización. «Realmente, non habería o bum do Xacobeo se Elías Valiña non fixera este traballo», incide o director do proxecto audiovisual, que lamenta que este non puidera ver a dimensión que alcanzou a ruta xacobea xa que morreu no ano 89. Nese sentido, lembra que cando Elías Valiña comezou o seu traballo sobre o Camiño, este estaba practicamente abandonado e sen sinalizar.

Na presentación do documental desta mañá, ademais de Aser Álvarez, participarán un dos sobriños de Elías Valiña que colaborou con el no pintado das frechas amarelas, así como o director do Xacobeo. Despois, asistirán á misa do peregrino na Catedral.

Páxina web e exposición

Álvarez lembra que Lois Celeiro xa escribira a biografía sobre Valiña, pero o obxectivo foi facer algo audiovisual sobre a súa figura para «axudar a manter viva a memoria da súa vida». Ademais do documental, crearon unha páxina web —eliasvaliña.gal—. Nela pódese ver o traballo audiovisual, así como datos biográficos do que foi cura do Cebreiro e unha galería de fotografías, incluíndo imaxes do seu arquivo. Nese senso, Aser Álvarez adianta que están preparando unha exposición ao contar con material moi valioso. Todo este traballo forma parte da iniciativa da asociación Acude Rural, que lle encargou o traballo audiovisual a Arraianos Producións. A iniciativa conta con financiamento do plan O Teu Xacobeo da Xunta.