O CDG prepara unha viaxe a Roma con Shakespeare e unha ollada ao territorio con Xohana Torres
SANTIAGO

A compañía teatral pública iniciou os ensaios das súas dúas novas producións, unha delas con Fonseca de escenario
08 feb 2023 . Actualizado a las 19:11 h.Con Recortes, caneos e outras formas de driblar percorrendo Galicia para amosar a faciana máis descoñecida do fútbol, o Centro Dramático Galego (CDG), a unidade de produción teatral da Xunta, xa está inmersa nas outras dúas montaxes propias desta temporada: Shakespeare en Roma, que reúne a catro equipos de dirección e que terá como escenario o Salón Nobre de Fonseca, e Un hotel de primeira sobre o río, que leva a escena o texto de Xohana Torres. Ambas montaxes xa iniciaron os seus ensaios para a súa estrea o vindeiro ano. «Tratan dous temas que creo que van interesar. Un que é falar do poder, da guerra, das loitas e das pequenas miserias; e o outro é falar do territorio, do uso dos espazos, da comunidade e tamén das pequenas miserias. É unha tempada para reflexionar dun presente complicado», di Fran Núñez, director da compañía teatral pública dependente da Agadic.
O CDG volve a apostar por propostas singulares. «O noso traballo é buscar formatos, fórmulas, que permitan chegar a novos públicos, atoparse coa xente... Facelo en Fonseca é importante para achegarse con público que, ao mellor, non viría ao teatro», profunda Fran Núñez.

«Shakespeare en Roma»
Catro pezas de media hora. Direccións distintas para cada unha das catro pezas que conforman o espectáculo —Coriolano, Xulio César, Antonio e Cleopatra e Tito Andrónico— e o Salón Nobre de Fonseca como escenario non son as únicas particularidades para esta nova achega do CDG a Shakespeare. Tamén está o reto de condensar cada peza en 30 minutos. «Parecíame importante que cada bloque tivese unha mirada de profesionais que veñen de sitios diferentes, con idades distintas...», detalla Fran Núñez. O elenco artístico será o mesmo para todas as pezas.
O portugués Rui Madeira será o encargado de dirixir Coriolano, que contará con dramaturxia do ucraíno Volodymyr Snegurchenko. O director explica que centraron a dramaturxia na relación pai-fillo e na guerra, coa ausencia de trigo, de leite... «Todas as imaxes do espectáculo van remitir á situación que se vive en Europa agora, que é de guerra. A guerra non é só Ucraína, senón tamén é aquí. É un espectáculo sobre a guerra», di Madeira. «A riqueza da montaxe é esa diferenciación das pezas entre os directores. É unha das razóns polas que aceptei», engade, incidindo que está moi contento de traballar con novas xeracións de intérpretes galegos.
Da dirección de Xulio César encargaranse María Barcala e Xulio Lago, contando coa dramaturxia de Ana María Carreira Varela. «Queremos contar o esencial da peza: a conspiración que, pretendendo salvar a República, fai un grupo de políticos, que remata co asasinato de Xulio César, e iso fará que se desemboque nunha guerra civil. Non quixemos facer unha versión diferente do que conta Shakespeare, senón ser quen de contar en tan pouco tempo o que el nos di», explica María Barcala, que detalla que tiveron que reflexionar se aceptaban o desafío que lle propuxo Fran Núñez. «O proxecto é moi singular, a nós deunos para debater entre Xulio e eu se debiamos ou non aceptalo. Finalmente, a ousadía puido máis que a prudencia», di.
Antonio e Cleopatra converterase na primeira peza profesional que dirixa Sara Rey, para o que contará coa dramaturxia de Ana Abad de Larriva. Rey, que fixo de axudante de dirección de Tito Asorey en Recortes, aínda non cre a confianza que depositaron nela. «Trátase dunha oportunidade tremenda», asegura, resaltando a posibilidade que lle dá de estar ao lado doutros directores con ampla traxectoria. Buscará centrar a proposta na figura de Cleopatra, «na dualidade que deixan as imaxes romanas e as imaxes exipcias». Incide, ademais, no traballo da dramaturga para reducir os 38 personaxes a unha ducia para contar dez anos de guerras e líos amorosos.
Tito Andrónico, con dirección de Quico Cadaval e dramaturxia Lorena Conde Martínez, completa Shakespeare en Roma. «É a peza de violencia máis obvia da obra de Shakespeare [...] Vai ser un Tito Andrónico moi violento, intentaremos transmitir o mal rollo contido dentro na obra», asegura o director, que destaca tamén o espazo no que se desenvolverán as representacións. «O salón ten unha estrutura senatorial. Dalgún xeito, o público ten un compromiso distinto coa escena, está asistindo a algo da súa cidade. É moi interesante e moi teatral», engade Cadaval, apuntando que entre as catro pezas haberá elementos de unión —espazo, vestiario, algún personaxe..—, «iso vai levar a unha afinidade estilística».

«Un hotel de primeira sobre o río»
Un clásico da dramaturxia galega contemporánea. Reivindicar a vixencia e relevancia da obra de Xohana Torres está detrás da posta en escena por parte do CDG da obra coa que a escritora gañou o Premio Castelao en 1968. «É unha peza incriblemente actual», afirma Fran Núñez. María Torres e Gonçalo Guerreiro, fundadores de Elefante Elegante, son os encargados da súa dirección. «Sentímonos moi honrados polo convite, para nós é un sinónimo de recoñecemento», afirma María Torres. Xa concluíron a primeira quenda de ensaios e volverán en xaneiro e logo antes da estrea. A especulación urbanística, a depredación do medio rural ou o desarraigo son algúns dos temas sobre os que xira a peza, que ten como protagonista a Ruth. «É unha peza realista e o desafío para nós é achegala a unha linguaxe máis física. Queremos, respectando a belísima escrita de Xohana Torres, crear un universo menos realista e que represente máis o universo onírico da súa protagonista», explica a directora.
«Un hotel de primeira sobre o río», na primavera
«Un hotel de primeira sobre o río» chegará aos escenarios na primavera —finais de marzo ou principios de abril— para así «saldar unha débeda histórica», resalta Fran Núñez, xa que nunca con anterioridade se puxera en escena nunha produción profesional este texto de Xohana Torres que foi recoñecido co Premio Castelao no ano 1968. Sete intérpretes serán os encargados de representar esta terceira montaxe propia da tempada do CDG: Merche Pérez, no papel da protagonista Ruth, xunto a Iván Davila, Raquel Espada, Sofía Espiñeira, Nicolás Otero, Pablo Sánchez Pérez e Lidia Veiga. A idea é que este espectáculo, ademais de en Santiago, xire por Galicia e chegue a Portugal.
«Shakespeare en Roma», funcións oito semanas
O CDG volve a Shakespeare coa representación das catro pezas na que o autor sitúa a acción no Imperio Romano para reflexionar sobre o poder. A montaxe, que ten a particularidade de que conta con direccións distintas para cada unha das obras e que se desenvolverá no Salón Nobre de Fonseca, poderá verse durante oito semanas en Santiago. Estará en cartel desde o 9 de febreiro, data da súa estrea, ata o 2 de abril, de mércores a domingo ás 19.00 horas. Os membros do elenco artístico son Xurxo Cortázar, Sheyla Fariña, Cris Iglesias, Rebeca Montero, Marcos Orsi, Fran Peleteiro, Adrián Ríos e Toni Salgado. «Vai ser un traballo incrible do elenco», afirma o director do CDG, Fran Núñez, que tamén resalta a participación dos directores nesta particular proposta.