Xabier De Donato: «A filosofía debe contribuír ao debate público, non estar nunha torre de marfil»

Álvaro Sevilla Gómez
Álvaro Sevilla SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

XOAN A. SOLER

Propón modernizar os plans de estudos e crear un grao dobre con outra titulación

17 oct 2022 . Actualizado a las 12:05 h.

Nado en Tarragona en 1972, Xavier de Donato recalou no 2009 na Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago, onde esta semana foi elixido novo decano. Asume o cargo con vontade de achegar o pensamento crítico á sociedade, clave para garantir o seu presente e futuro.

—Por que deu o paso?

—Entendín que a facultade necesitaba un cambio para apostar pola xente moza, a transparencia e o rigor académico. Necesitamos mostrar o que facemos e aumentar a nosa presenza no ámbito público.

—As humanidades non pasan polo seu mellor momento.

—Non, non é un bo momento de apoio institucional. Pero internacionalmente déronse conta do seu papel crucial para marcar unha discusión sobre o presente e o futuro da humanidade. Nun momento no que se fala da intelixencia artificial e da computación cuántica tamén debemos saber que sociedade queremos crear. Polo de agora, a nivel español hai reticencias e todo se centra nas ciencias experimentais e nun impacto máis inmediato.

—Como se atopa actualmente a facultade de Santiago?

—A afluencia é boa, hai moitos alumnos en primeiro, pero custa mantelos. Hai unha taxa de abandono bastante alta, tamén noutras titulacións, pero queremos acabar con iso. Temos que renovar o grao e o mestrado, para o que buscarei o consenso cos meus compañeiros á hora de actualizar as titulacións, facelas atractivas e que miren cara o futuro.

—Espera rexeitamento nesa renovación?

—Reticencias si, pero, se o facemos ben, pode xurdir unha oportunidade para a filosofía en Santiago.

—A que cambios se refire?

—O primeiro é ter máis presenza na discusión pública e nos debates que hai na actualidade, adaptarnos aos novos tempos. Despois temos que apoiar aos investigadores e apostar por políticas de xénero acordes aos nosos días. Houbo unha denuncia de acoso na que non sabemos que vai ditaminar o reitorado. Queremos crear unha comisión para facer un protocolo de convivencia e saber como actuar en cada caso. Logo está a reforma das titulacións, que no caso do mestrado é imperiosa e débese a un mal deseño. Hai que abordar os problemas actuais da sociedade. Por último está a posibilidade de crear un dobre grado de Filosofía con outra titulación, como pode ser Historia da Arte, pero deixo iso aberto ao diálogo. Queremos darlle a oportunidade aos alumnos para que poidan rematar cunha dobre titulación. A filosofía é transversal, tamén podería ser con Ciencias Políticas ou con Comunicación. Son opcións hipotéticas, claro. Creo que lle dariamos aos estudantes unha mellor preparación para a súa realidade laboral. A filosofía serve para afianzar valores democráticos, evitar os prexuízos e as modas, e iso tamén é importante, por exemplo, para un estudante de Xornalismo.

—Nun mundo frenético como o actual, como se conecta coa xente moza?

—Eu teño contacto con eles porque son profesor en primeiro na materia de Argumentación e Retórica, que é transversal e básica, e que serve para afianzar unha actitude crítica e nos permite tratar aspectos que están no ‘candelero' social. A filosofía debe contribuír ao debate público, non estar nunha torre de marfil. Tamén formo parte dun ciclo de cine no que abordamos temas de actualidade, de moito éxito entre os rapaces. Creo que temos que estar nas redes sociais, non só velas como un lugar onde abundan os enganos e se polariza a ideoloxía e a sociedade, senón como un eido no que se pode construír un camiño que facilite o futuro.

—O mundo actual defíneo a posmodernidade, a chamada «modernidade líquida», preocúpalle?

—Si, non son dos que pensa que todo está ben, pero tamén son optimista. Existe unha crise de identidade propia dun momento de transición dada pola transformación tecnolóxica que tamén transforma ao ser humano. Hai nada soubemos que en China unha empresa designaba a un androide dotado con intelixencia artificial para un cargo no que o autorizaba a tomar decisións. Iso irá a máis e para conducir iso requírese un espírito humanista. Debemos proporcionar os argumentos para construír un futuro no que a sensatez e o espírito crítico se impoñan aos intereses económicos e políticos.

—Din os críticos que dende Platón xa non hai nada novo na filosofía.

—Hai moitas cousas novas [ri]. Xa hai quen dixo que todo é un comentario a pé de páxina do que dixeron Platón e Aristóteles. Agora hai novos problemas e retos sobre os que non dixeron nada. A sociedade transfórmase nunha dimensión máis que económica e a filosofía ten que estar á altura. Non para aportar unha mirada nostálxica do pasado, nin ser unha reflexión intelectual abstracta; debe discutir sobre o presente e o futuro.