A Cidade da Cultura relanza o seu Centro de Emprendemento ofrecendo aloxamento a 36 firmas creativas

La Voz SANTIAGO

SANTIAGO

Cedida

A Xunta ten aberta ata finais de mes a convocatoria para solicitar espazos tanto no viveiro como na área de cotraballo

15 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A Cidade da Cultura non é só un lugar de visita para achegarse a diversos contidos culturais caso de exposicións ou espectáculos musicais e escénicos, senón tamén un foco de creación no eido cultural. A reforzar esta última faciana vai orientada a nova convocatoria da Xunta de Galicia que ofrece aloxamento a proxectos e empresas culturais, sociais e tecnolóxicas no Centro de Emprendemento (CEM). Serán un total de 36 postos de traballo entre o Viveiro Gaiás e o Espazo de Cotraballo.

O prazo de presentación de propostas está aberto ata final de mes e poden concorrer iniciativas emprendedoras e profesionais das industrias culturais e tecnolóxicas, así como entidades sen fins lucrativos, que busquen un espazo. Por exemplo, poderán optar a contar cunha oficina de traballo no Gaiás deseñadores, ilustradores, profesionais da comunicación, escritores, guionistas, editores, representantes e promotores artísticos, produtores, xestores culturais, programadores de aplicacións informáticas e proxectos culturais na Internet e aqueles con vinculación a propostas que fomenten a innovación cultural.

«Esta nova chamada a proxectos e iniciativas emprendedoras culturais e tecnolóxicas supón darlle un novo pulo ao traballo que o Centro de Emprendemento vén realizando», afirma Ana Isabel Vázquez, directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, que engade que xa constataron o interese da convocatoria a través das numerosas preguntas e solicitudes de información que persoas e empresas están facendo no CEM.

As 36 prazas ofertadas para aloxar as iniciativas emprendedoras e profesionais están distribuídas entre o Viveiro Gaiás, que dispón de vinte espazos independentes e modulares adaptables ás necesidades das empresas, e o Espazo de Cotraballo, que conta con dezaseis postos individuais. Todas as prazas contan con mobiliario e conexión á Rede. Tamén hai acceso a salas de reunións privadas, un espazo de formación, caixas de correo para a correspondencia postal e unha zona común de descanso.

Establecer sinerxías

«Cremos que o atractivo principal da convocatoria reside non só no beneficio de dispor dun espazo dinámico con todo o necesario para traballar no día a día, senón tamén no apoio e asesoramento que ofrecemos aos seus negocios. Ademais, nesta nova convocatoria imos máis aló, buscando propiciar sinerxías entre a Cidade da Cultura e as persoas e proxectos que traballan no CEM. Neste sentido, diriximos a convocatoria a entidades que compartan os nosos mesmos obxectivos: fomentar a creación artística, fortalecer o sector cultural galego e impulsar procesos de innovación dentro deste», manifesta a directora xerente.

Deste xeito, as entidades que se aloxen no Centro de Emprendemento (CEM), especialmente aquelas iniciativas emprendedoras en fase de inicio ou consolidación, beneficiaranse dun programa de formación e acompañamento deseñando para dar pulo a súa actividade. Segundo informan desde a Consellería de Cultura, este servizo inclúe titorías, asesoramento financeiro e no desenvolvemento de modelos de negocio, participación en eventos de networking e showrooms adaptados ás súas necesidades.

Esta convocatoria tamén busca establecer sinerxías entre a Cidade da Cultura e os novos proxectos aloxados nas súas instalacións. Nese sentido, á hora de valorar as solicitudes teranse en conta a capacidade de adecuación e implicación dos proxectos cos obxectivos e liñas de traballo da entidade. Tamén avaliarán cuestións como o carácter innovador, cultural e tecnolóxico dos proxectos, a creación de emprego e a viabilidade.

Apoio a catro proxectos artísticos

Á aposta por «consolidar a Cidade da Cultura como rótula do sector cultural galego», tal e como apunta Ana Isabel Vázquez, non só vai encamiñada a oferta de espazos no CEM, senón tamén as Residencias Artísticas do Gaiás (REGA), que ata final de ano darán apoio a catro proxectos artísticos ligados á realidade virtual, á innovación téxtil, á saúde mental e ao patrimonio sonoro.

Os beneficiarios foron seleccionados entre 56 propostas e realizarán o seu traballo no Gaiás desde este mes ata decembro cunha bolsa de 8.000 euros, ademais de contar con espazos, recursos e equipos técnicos.

Unha estancia dun ano que pode prorrogarse ata un máximo de tres

A cesión de espazos no CEM terá unha duración inicial dun ano, que pode prorrogarse automaticamente por períodos similares, ata un máximo de tres, previa conformidade da Fundación Cidade da Cultura. Deste xeito, a intención é propiciar un lugar para que os proxectos creativos dean os seus primeiros pasos e se fagan fortes, para despois xa buscar outro lugar de residencia.

O CEM ofrece as súas instalacións a prezos económicos. No caso do Viveiro Gaiás, créanse espazos independentes e modulares á medida de cada proxecto. A tarifa é de 12,50 euros metro cadrado. Este estará preferentemente destinado a entidades non lucrativas e lucrativas. No Espazo de Cotraballo, que albergará iniciativas emprendedoras, hai dobre tarifa. Para os proxectos en fase de inicio custará 60 euros ao mes e para os que están xa consolidados 90 euros.

Respaldo a 450 proxectos

O apoio ao emprendemento da Cidade da Cultura non é novo nesta convocatoria, senón que o CEM leva activo desde o 2013. «Neste tempo, prestou apoio a un total de 450 proxectos innovadores no eido das industrias creativas, acompañándoos desde os seus primeiros pasos ata chegar a ser, moitos deles, empresas consolidadas e xeradoras de postos de traballo», detalla a directora xerente da Cidade da Cultura. Nesta nova convocatoria refórzase o perfil cultural do CEM.