Brasil chega ao festival Maré, en Santiago, con Chico César e o son do carnaval

La Voz

SANTIAGO

Sandra Alonso

A actuación de Capercaillie e a Filharmonía abriu a cita coas músicas e artes atlánticas

22 sep 2022 . Actualizado a las 04:55 h.

A actuación conxunta de Capercaillie e a Real Filharmonía de Galicia levantou o pano da terceira edición do festival Maré en Santiago. No Auditorio de Galicia fixeron un percorrido pola traxectoria da mítica formación escocesa que conta coa voz de Karen Matheson.

Hoxe o protagonismo no festival tomarao Brasil. Primeiro, co son do seu carnaval, que chegará a partir das 19.00 horas na Praza da Quintana da man da Orquestra Voadora, que revolucionou o xeito de tocar na rúa. Despois, con Chico César na Sala Capitol (21.30 horas, 20 euros). O mito da música brasileira estrea a súa xira europea co seu novo disco, «Vestido de amor», o décimo da súa carreira e no que mestura ritmos brasileiros, occidentais, caribeños e africanos.

Antes de que Chico César se suba ao escenario da Capitol esta noite farao Catuxa Salom, que se atopa en pleno lanzamento do seu primeiro traballo, «Nunha aldea». A segunda xornada do festival Maré concluirá coa actuación de Saya a partir da medianoite na Casa das Crechas.

Por Maré pasarán ata o domingo 35 propostas que chegan desde unha ducia de países. Trátase da primeira ocasión que se pode celebrar con normalidade despois de dous anos marcados pola covid.