Sande constrúe «O negociador» a partir de catro perspectivas distintas

La Voz

SANTIAGO

Xoán A. Soler

O escritor presentou onte en Cronopios a súa novela

21 sep 2022 . Actualizado a las 08:16 h.

O escritor e xornalista Miguel Sande presentou onte na libraría Cronopios de Santiago a súa novela «O negociador», xunto con Fran Alonso, editor de Xerais, e o crítico literario Armando Requeixo. A historia parte do secuestro máis longo de ETA, o que mantivo pechado nun pequeno zulo a Ortega Lara durante 532 días dende comezos de 1996: «Contei cun testemuño excepcional que foi o do negociador, un profesional que negociou con ETA a liberación durante seis encontros en Alxer. Esa é a orixe da historia da novela, que xoga coas sensacións e as distintas perspectivas», tomadas dende o día de hoxe.

Son catro historias que se relacionan con aquel feito e se complementan: a do negociador, a partir das súas lembranzas e as sensacións que mantén vivas un cuarto de século despois un home que «non xulga en ningún momento a ninguén». A segunda historia está contada por un mozo que naquela altura era contacto de ETA: «Cos anos foi evolucionando e hoxe é programador informático en Londres, e traballa para un fondo de investimentos que fai desafiuzamentos. Hai un choque entre as súas ideas de entón e as de agora».

A terceira perspectiva vén da man da directora dunha residencia de maiores, en tempos da covid, onde unha das usuarias é unha persoa implicada na negociación pola parte da banda terrorista, pero que 25 anos despois perdeu a memoria. A última historia recolle as vivencias da filla do negociador e dun fillo de quen negociou pola banda de ETA. Todo elo, nunha novela que mestura verdade e ficción, sinala Sande.