A recollida de lixo na cidade histórica

Roberto Almuiña PRESIDENTE DA ASOCIACIÓN DE VECIÑOS FONSECA

SANTIAGO

17 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O proxecto europeo Intherwaste (2016-2021), no que participaron as cidades de Córdoba, Ibiza, Cracovia, Porto e Tallín, buscou solucións aos desafíos da xestión do lixo nas cidades patrimonio, que reciben moitos turistas, teñen rúas estreitas e precisan conservar os seus centros históricos. No caso de Porto, entre as medidas adoptadas están a posta en marcha de cuartos do lixo e a recollida selectiva porta a porta para os residentes e contedores soterrados. Florencia dispón de contedores soterrados en áreas Unesco. En Santiago, a recollida do lixo na cidade histórica que se tenta impoñer vén determinada pola oferta que fixo Urbaser e que foi aceptada polo Concello de Santiago o pasado mes de febreiro.

A finais de maio, o día previo á sinatura do contrato con Urbaser, a concelleira responsable do servizo informounos de que se ían colocar dez illas móbiles en senllas prazas da cidade histórica e que os recorridos máximos serían de 200 metros. Igualmente engadiu que estaban abertos a cambiar a ubicación das illas. O éxito da recollida selectiva está directamente relacionado coa distancia aos puntos de depósito das fraccións do lixo, de xeito que se a distancia a recorrer é menor de 50 metros, o 64 % da poboación recicla sempre, se a distancia está entre 50 e 100 metros, esta porcentaxe descende ata o 51 %, e se a distancia é maior de 100 metros, a porcentaxe de poboación que recicla retrocede ata o 35 %.

Non parece que este modelo fose deseñado pensando nas persoas da cidade histórica de Santiago, cunha poboación envellecida e vivindo en casas sen ascensores; xa que se nos está a pedir que levemos dúas ou tres bolsas de lixo, e o paraugas, a máis de 100 metros da nosa vivenda. Este cambio de modelo de recollida do lixo, circunscrito a veciños, hoteis, residencias, oficinas e comercios é claramente discriminatorio fronte ao trato que se pretende dar a bares e restaurantes, e ao que acontece no resto da cidade. Ademais, carece de soporte legal que xustifique esta merma dos dereitos dos que aquí vivimos e traballamos.