A Pedreira pechará o festival Maré, que reunirá unha trintena de artistas en Santiago

La Voz

SANTIAGO

César Quian

A cita coas músicas e artes atlánticas celebrase do 21 ao 25 deste mes con grupos de varios países

01 sep 2022 . Actualizado a las 04:55 h.

O festival Maré, Músicas e Artes Atlánticas, sumará unha trintena de artistas procedentes de múltiples países na súa nova edición, que se desenvolverá do 21 ao 25 de setembro en Santiago. Se a organización xa avanzara en xullo que a apertura do festival sería cun concerto conxunto da célebre banda de música tradicional escocesa Capercaillie coa Real Filharmonía de Galicia no Auditorio de Galicia, agora dou a coñecer o peche. Será con A Pedreira, que recalará co seu «Segmento cantábrico» no Teatro Principal con dúas colaboradoras: Sofía Viola e Estíbaliz Espinosa. Será un concerto único no que Ugia Pedreira repasará o seu novo universo musical e colaborativo.

Pero o concerto de A Pedreira non é a única novidade no cartel do festival. Entre as incorporacións tamén se atopan outras formacións galegas, como Malandrómeda e os ordenses Dios Ke Te Crew, así como Catuxa Salom, que mestura ritmos tribais latinoamericanos con música galega nun envoltorio electrónico. Non será a única presenza da música feita na terra. Hai que lembrar a Guadi Galego, que o día 24 pechará no marco do festival a súa xira «Costuras». Será nun espectáculo especial no que contará sobre o escenario do Principal coas colaboracións de Paula Grande, Olatz Salvador, Silvia Quesada, Alfredo González e Álex Insua. Onte quedaban xa moi poucas entradas dispoñibles para asistir a súa actuación.

Pero os novos nomes do cartel non só veñen desde Galicia. Entre as incorporacións dadas a coñecer tamén se atopa Aziza Brahim Tabal Quartet —que encabeza a cantante e actriz saharauí Aziza Brahim—, a banda portuguesa Fogo Fogo, o letrista francés e compositor de hip hop africano James BKS, así como Dándara Manoela, que leva ao escenario a música popular brasileira e presentará por primeira vez fóra do seu país o seu traballo «Minha prece ecoa».

Tamén se sumaron ao cartel Pietá, Tandub, Peña, Mauricio Cruso, Dj Panko, Saya, Peter DJ e Panko Gabás & Mû Mbana (de la huerta). Hai que lembrar que xa en xullo deran a coñecer a presenza da artista angolana Pongo, os brasileiros Orquestra Voadora e Chico César —que ofrecerá un concerto o día 22 na Sala Capitol—, o trío de Rajasthan Barmer Boys, as catalás Maruja Limón, a arxentina Sofía Viola e a tamén galega Antía Muíño.

O festival desenvolverase no parque de Bonaval, no Teatro Principal e no Auditorio de Galicia. Os abonos para asistir a todos os concertos custan 75 euros, xa que os de prezo reducido a 50 euros xa se esgotaron. Pola súa banda, os abonos para asistir aos concertos de Bonaval o venres e o sábado, onde actuarán Pietá, Aziza Brahim Tabal Quartet, Malandrómeda, Fogo Fogo, Maruja Limón, James BKS, Pongo e DKTC, custan 40 euros. O abono para un só día en Bonaval ascende a 25 euros. Tamén se poden mercar os tiques para os concertos no Principal, Auditorio e Capitol.