Roberto Almuíña: «Os turistas quedan xunto á Catedral, hai que pór en valor o resto da cidade»
SANTIAGO
Estima que ser «permisivo» cos visitantes aumenta o rexeitamento dos veciños
21 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Roberto Almuíña, presidente da Asociación de Veciños Fonseca, do casco histórico, comenta que está sendo complicado «vivir no casco histórico. Certamente, aínda que estamos acostumados a vivir cos peregrinos, sentímonos un pouco invadidos».
—Tras o parón da pandemia, hai quen di que os veciños do casco histórico se queixan porque esqueceron o que era habitual no verán. Que pensa vostede?
—Estamos acostumados, pero penso que o encontro de hai uns días puido facerse doutro xeito. É unha cuestión de respecto, non podes contravir as normas básicas. Foi moi complicado.
—Foi algo puntual deses días ou segue o problema?
—Xa no 2018, a consultoría Braintrust, líder na industria turística, falaba da presión turística, da necesidade de xestionar para evitar a masificación. En Santiago fixéronse estudos, pero falta un observatorio permanente de turismo. Un estudo da USC falaba, hai tempo, de que o 60 % dos composteláns vían positivo o turismo, pero quizais as cousas xa non son así. Eu secundo totalmente o decálogo da rúa de San Pedro. É unha cuestión de civismo e respecto.
—A conxestión afecta solo a unha parte do casco vello, á contorna da Catedral?
—Claro, pola falta de xestión do Concello. A Santiago chegan peregrinos, bicigrinos, turistas, que son os que quedan, e visitantes, que moitos marchan antes de comer. Todos quedan na contorna. Hai que pór en valor o resto da cidade. O 99 % dos turistas nin saben da existencia da muralla, non saben que hai unha porta en pé. Temos conventos pechados, Sar, o CGAC, San Domingos de Bonaval... Tantos sitios esquecidos. Hai uns días escoitei a un guía turístico falar da rúa Nova como a rúa da tortilla, pola Tita. ¡Non pode ser! Falla a xestión e atención aos detalles.
—Debuxa un panorama desolador.
—É o que hai. Rúas ocupadas por terrazas que non deixan de medrar, ruídos da hostalería, sinalécticas rotas. O rexeitamento que pode estar crecendo é consecuencia de situacións como a vivida en San Pedro. Hai uns días, a unha persoa da nosa asociación que ía en bicicleta dende Porta do Camiño cara a San Pedro a policía dille que non pode ir, pero os bicigrinos poden baixar sen problema. Esa dobre vara de medir non é boa idea. E non quero esquecerme da compactadora de lixo de Fonseca, que dá vergonza.
—Non será pola insistencia da súa asociación?
—Non ven o dano á imaxe da cidade nin o deterioro do lousado. É un espectáculo noxento. Os veciños non merecemos iso.
—Deixemos o turismo. Falemos da xente que vive no casco histórico ou máis ben da pouca xente que vive na zona nobre de Santiago. Onde vai a mercar? Cada vez quedan menos sitios.
—Aínda quedan. Poucos, pero quedan. En Portugal fixeron un gran traballo de apoio aos comercios históricos. Aquí non preocupan. En Lisboa hai máis de dez anos, en Porto hai menos tempo. É triste a desaparición da librería Gali, a papelería El Sol; pero é sorprendente que aínda resista a sombreirería Iglesias, Dosel na rúa Nova, Riande, Docobo e tamén comercios tradicionais nos barrios. O Concello, xunto as asociacións de comerciantes, poderían pór en marcha campañas para protexelas, que as coñezan, que as axuden a vender en internet. Non é nada novo, está inventado. Portugal é un exemplo a seguir neste caso. Santiago foi unha cidade de artesáns. Os nomes das nosas rúas dino. Ocórrenseme moitas cousas que se poden facer, pero falta vontade política. Poderíanse facer obradoiros para dar coñecer a nosa historia. Menos produtos made in China e máis do noso.
—Non vai gustar isto entre os comerciantes das tendas de recordos.
—Queren turismo de calidade, pois hai que darlle calidade. Non todos o fan mal, pero, non é unha pena que os comercios tradicionais que pecharon en Cervantes sexan agora tendas de recordos?
«Vigo merca edificios para o aluguer, por que non aquí?»
Roberto Almuíña recoñece que se deron pasos para modernizar as instalacións no casco vello, «despois de moitos anos temos fibra óptica, pero queda moito».
—Fala de flexibilidade. É a petición máis temida?
—Nun edificio público pódese facer todo, pero nun privado nada. Hai anos que está paralizada a revisión do Plan Especial. Anos e cartos perdidos. Fixeron un plan de xestión para nada, cartos tirados. En Vigo, con 14 millóns de euros e un convenio firmado co IGVS [Instituto Galego de Vivenda], mercaron edificios que van poñer en réxime de aluguer. Por que non se fai aquí? Santiago non firmou o convenio. Hai edificios que poderían restaurarse para alugueiro. Falta o de sempre, vontade política. No Preguntoiro, a casa sacerdotal podería ser un centro de día, non hai no casco, e unha residencia con apartamentos. Poderíase facer cun convenio coa Igrexa.
—A iniciativa privada podería impulsar os pisos en aluguer?
—Pero ten que haber flexibilidade. Non podemos ter uns talibáns que só queren musealizar o casco histórico. Se queremos que viva xente, hai que adaptarse aos tempos. Pór un ascensor nun edificio privado é case imposible. É mellor ter a Rabeada caendo, a casa dos Irlandeses, sala Yago e Olmedo en ruínas? Non será mellor flexibilizar para evitar a perda do patrimonio.
—Os propietarios de inmobles prefiren as vivendas de uso turístico fronte ás residenciais.
—O noso interese está en poñer no mercado de aluguer convencional pisos rehabilitados e recuperar edificios baleiros e abandonados para que veñan a vivir familias á cidade histórica.
—O Consello de Relacións Veciñais perdeu a forza que tivo. As asociacións son escoitadas polas autoridades locais?
—O movemento veciñal non está apagado, pero é certo que o Consello non ten capacidade de decisión, non é operativo; e cando foron as eleccións non houbo interese. Pasa o mesmo coa oposición municipal, non pinta nada. As mocións aprobadas no pleno, quedan en nada.
—É un goberno en minoría
—Si, dá igual.
—Quere aproveitar? Pida algo.
—Hai tanto. A recollida de lixo, non teñen plan. Din que van poñer unhas illas en Praterías e Toural, de 18 a 23 horas. Á hostalería van recoller porta a porta, e os veciños, en procesión coas bolsas. A ver que pasa en setembro, pero iso non pode ser. Os veciños temos moito que dicir e que propoñer.