Sheila Patricia, cantautora: «No TradFest imos facer que a xente baile e cante»

LUCÍA ROIBÁS / I. C.

SANTIAGO

Sheila Patricia participará no Womex 2022
Sheila Patricia participará no Womex 2022 Aitor Ramos

Mañá ás 20.30 horas actuará no parque de Bonaval, dentro da programación do festival que pechará as Festas do Apóstolo

30 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Pasou do jazz ao folclore e do folclore a «Orixe», o seu novo disco. Sheila Patricia mesturaba ritmos procedentes de distintos estilos musicais incluso antes de que estivera de moda. Como o propio nome do traballo indica, agora volve ás súas orixes, erixíndose como unha das cantautoras galegas de referencia. Mañá presenta o cedé no TradFest, o festival que pechará as Festas do Apóstolo. O certame está organizado por La Voz de Galicia e o Concello de Santiago, co patrocinio da Xunta e o Xacobeo 21-22 e a colaboración da empresa Espina & Delfín, con produción a cargo de Nordesía e aCentral Folque. Sheila Patricia actuará a partir das 20.30 horas no parque de Bonaval.

—Cando soubo que se quería dedicar á música?

—Subinme a un escenario por primeira vez con doce anos, porque a música é o ecosistema da miña casa dende pequeniña. Despois empecei a cantar as miñas propias cancións, porque en canto collín a guitarra xa empecei a compoñer. Eu tiña moi claro que quería facer os meus propios temas. Despois incorporeime ao grupo folclórico do meu pobo e comecei a bailar e a tocar a gaita, e completei o círculo. Foi como un xogo.

—Antes de lanzar «Orixe» xa se iniciara timidamente como cantante profesional, con «El camino de los sueños».

—É un proxecto que naceu durante a miña época en Madrid. Fun alí, como tanta xente, a dedicarme á música, pero volvín á miña casa, que é onde mellor estou. Foi entón cando se empezou a fraguar «Orixe», con temas en galego que tiña compostos dende hai moitos anos e tamén con outros novos. É un disco que por mor da pandemia non saíu antes, pero que está preparado dende o 2019.

—Que se pode contar sobre o disco para quen aínda non o escoitou?

—«Orixe» ten moito que ver coa miña época vital de regreso a Galicia, da volta ás Rías Baixas e a Santiago. É unha obra que bebe moito do que se escoitaba na miña casa, do que cantaba a miña avoa e do que eu percibía da miña terra. O disco ten moito de terapéutico e de persoal. Tiña ganas de mesturar a música orgánica coa electrónica, e iso foi o que fixen. Son filla dun arxentino e dunha galega, e esa fusión tamén se reflicte.

—A súa música está moi influída por sons de todo o mundo, e o TradFest comparte cartel con artistas estranxeiros. É o festival unha fonte de inspiración?

—Por suposto. É unha maneira de ver, de coñecer e de compartir. Temos moito máis en común do que pensamos. O folclore é cultura pura e experiencia viva, unha maneira de volver ás esencias de cada lugar.

—Que imos poder ver sobre o escenario mañá?

—Presentaremos os temas do disco e tocaremos tamén algunhas pezas «tradi». Imos facer que a xente baile e cante. A idea é compartir un momento íntimo pero que remate como unha festa. A miña música non se dirixe exclusivamente a un tipo de público, senón que é moi ecléctica e adáptase.