Xoán Manuel Pérez Lijo, secretario da Bamad: «O sistema bibliotecario da provincia provoca que os datos galegos sexan moito mellores»
Xoán Manuel Pérez Lijó (Ribeira, 1968) é secretario na Asociación de Profesionais dos Arquivos, Bibliotecas, Museos e Centros de Documentación de Galicia (Bamad) e axudante na biblioteca de Ames.
—Na provincia da Coruña hai unha porcentaxe de inscritos nas bibliotecas públicas maior que a media galega e a estatal. Ocorre o mesmo coa cifra de visitas a estes centros. A que pode deberse isto?
—Por un lado, a poboación concéntrase nas cidades. Neste caso hai tres na provincia: Santiago, A Coruña e Ferrol. A Coruña e a súa comarca, especialmente, ten unha das redes bibliotecarias máis grandes de Galicia. Tamén se dá a casuística de como se distribúe a poboación en Galicia. Son, por exemplo, algúns dos concellos máis habitados. Isto inflúe nos datos. Está claro que o sistema bibliotecario da provincia da Coruña está por encima do conxunto do Estado, e é tamén o que provoca que os datos galegos sexan moito mellores.
—A pandemia afectou moito ao sector das bibliotecas?
—Si, por iso nalgúns dos datos que recollemos no noso informe indicamos que non son comparables con anos anteriores. Por exemplo, nos que teñen que ver co uso da biblioteca, co número de visitantes, coa rotación dos fondos... Houbo, polo menos, tres meses nos que case todas as bibliotecas estiveron pechadas ao público. Ademais, tamén houbo períodos con peches puntuais pola situación na que se atopaban determinados concellos, e algunhas bibliotecas decidiron establecer servizos restrinxidos e foron abrindo pouco a pouco.
—Como poderiamos darlle un impulso á rede bibliotecaria?
—Por un lado, a normativa da lei de bibliotecas está sen desenvolver. Ademais, recoñecemos os servizos que a Xunta está dando a todas as bibliotecas, porque estes últimos anos está facendo un labor moi positivo, como co establecemento dunha rede única, pero botamos de menos unha aposta dos Concellos por incrementar a dotación para as bibliotecas, tanto en fondos como en persoal e instalacións.