Tamar Novas: «Pasear a zona vella de Santiago é das miñas actividades preferidas»

LEILA FERNÁNDEZ / I. C. SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

SANDRA ALONSO

Regresará á cidade para pregoar as Festas do Apóstolo o día 21

10 jul 2022 . Actualizado a las 00:04 h.

Picheleiro de nacemento, Tamar Novas conta cunha longa traxectoria no mundo do cine ás costas. Debutou en «A lingua das bolboretas», conseguiu o Goya á Mellor Actor Revelación en 2005 co seu papel en «Mar adentro» e chegou a ser chico Almodóvar. Dende entón a súa carreira despegou, e agora volve a Compostela para ser quen dea o pistoletazo de saída ás grandes festas da cidade.

—Este Apóstolo é o encargado de dar o pregón das festas, quedará para desfrutalas?

—Quedarei uns días, por suposto! Pretendo estar coa familia, en Santiago, Figueiroa (a aldea de meu pai, preto de Arzúa), Melide… E aínda non o podo contar, pero penso que vou pasar uns meses en Galicia por traballo dende agosto. Ademais nunha historia marabillosa, así que estou moi feliz.

—Como de presente está Galicia na súa vida? Ten intención de volver algún día a vivir a Compostela?

—Levo quince anos residindo habitualmente en Madrid. Pero Galicia non só está presente cada día da miña vida, teño a sorte de ter que volver por traballo repetidamente. E Santiago… é que, de corazón, paréceme a cidade máis fermosa do mundo! Mira que eu son dos que adora Madrid, pero só concibo estar fóra se teño a posibilidade de volver regularmente.

—Cal é o seu sitio preferido de Santiago, ao que sempre vai cando volve?

—Pasear a zona vella é das miñas actividades preferidas. E lugares, hai moitos. Tanto para camiñar como para comer ou tomar un viño. Sempre que volvo visito O Dezaseis, na Rúa de San Pedro, tamén unha cafetería estupenda que se chama Ratiños, entre Mazarelos e Abastos, o xardín do Hotel Costa Vella… No Ensanche meus pais son asiduos a tomar café en La Planta, ao lado da Praza de Vigo, que é onde seguen vivindo.

—Se tivese que rodar unha serie en Santiago, cal lle gustaría que fose a trama?

—Encantaríame interpretar a Fraga nunha película sobre a visita de Fidel Castro a Santiago (risas). Agora en serio, o que me gustaría é que houbese moitas ficcións na Televisión de Galicia, que sucedan en Santiago ou onde sexa. Houbo un tempo en que a ficción na TVG tiña moita máis presenza. Tamén me gustaría que se levase á pantalla algunha novela do meu amigo Alberto Ramos.

—Ao longo da súa traxectoria participou en varias series ambientadas en Galicia, algunhas das máis recentes «Fariña» ou «El desorden que dejas». Cal é a súa opinión sobre o tratamento de Galicia na pantalla?

—Penso que o feito de que Galicia sexa cada vez máis un escenario elixido para a ficción ten moito sentido. A min gústame que as historias sucedan nalgún sitio concreto, e que a trama estea conectada co lugar no que sucede. Penso que tanto en «Fariña» como en «El desorden», sucede iso. E en ambos casos buscáronse lugares fantásticos para rodar.

—Séntese máis cómodo interpretando personaxes galegos?

—Diría que pode ser unha axuda á hora de empezar a estudar. Porque xa hai un nexo claro, sexa pola súa forma de falar ou porque coñezo o mundo no que vive. En calquera caso, a comodidade non é o que máis me chama á hora de traballar, polo menos ao principio. Gústame cambiar, intentar que sexa un reto. Pode ser mudar fisicamente, ou o acento, hai moitas opcións. Se toca interpretar a alguén galego, pois hai moitas particularidades que pode ter un galego (risas), pero ao final trátase de contar o que está escrito. O guión é a base de todo.

—O seu debut como actor foi en «A lingua das bolboretas». O seu compañeiro de rodaxe Manuel Lozano máis vostede estreáronse ambos, e ambos estaban daquela no colexio La Salle. É casualidade que os escolleran aos dous?

—Non sei a que outros colexios foron, a verdade, pero en La Salle eramos moitísimos nenos e nenas, supoño que tivo que ver. No meu caso, o cásting foi totalmente fortuíto, tiven que ler un poema de Machado, para outro personaxe. Días despois probáronme con Manuel e funcionamos moi ben xuntos. Do meu colexio teño que dicir que tiven profesores que estimulaban moito a nosa creatividade, e tiñamos moitas actividades culturais. Despois tiven a inmensa sorte de cursar o bacharelato no instituto Rosalía de Castro. Nunca o esquecerei, tiven profesores e profesoras fascinantes. De feito, teño que agradecer ao que era o seu director, Ubaldo Rueda, que eu vaia ser pregoeiro. Polo que me contaron, el foi un grande valedor desta opción. Así que, dende aquí: Grazas Ubaldo.