Lois Orosa: «Galicia non pode permitirse perder a segunda revolución cuántica»

Juan María Capeáns Garrido
juan capeáns SANTIAGO / LA VOZ

RED

PACO RODRÍGUEZ

O director do Centro de Supercomputación sostén que este é un momento clave para crear un ecosistema sólido en torno ás tecnoloxías cuánticas

14 sep 2022 . Actualizado a las 06:25 h.

Lois Orosa (Santiago, 1983) é enxeñeiro en Telecomunicacións pola Universidade de Vigo e doutor en Arquitectura e Tecnoloxía de Computadores e ten un amplo currículo de investigación internacional no ámbito privado e universitario, cunha última parada na área de arquitectura de computadores da ETH de Zúrich (Suíza) antes de substituír a Mauro Fernández á fronte do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga), o espazo de investigación localizado no campus da Universidade de Santiago de Compostela. O Cesga suma case tres décadas traballando no ámbito do cálculo con investimentos millonarios en superordenadores que dan servizo ao tecido investigador. O novo reto dos vindeiros anos é o desenrolo do Polo de Tecnoloxías Cuánticas, para o que recibiu partidas de distintas institucións, desde a Xunta á Unión Europea.

—Pode Galicia posicionarse no mundo cuántico co proxecto que lidera o Cesga?

—Este é un momento clave para crear un ecosistema sólido en torno ás tecnoloxías cuánticas, tanto a nivel académico, coa creación de coñecemento; de infraestruturas, cos computadores cuánticos e rede de comunicacións cuánticas; e a nivel empresarial, coa xeración de negocio en torno a esta nova tecnoloxía.

—Cales son os referentes mundiais aos que mirar?

—A nivel mundial, os países que máis están investindo en tecnoloxías cuánticas son Estados Unidos e China. A Unión Europea, berce das tecnoloxías cuánticas de segunda xeración, ten un ambicioso programa de impulso chamado Quantum Flagship. A nivel de países europeos, Alemaña, Francia, Países Baixos e Austria teñen as maiores inversións. O Reino Unido tamén ten unha importante actividade. En España, as comunidades de referencia son Cataluña, Madrid, Galicia, País Vasco e Castela e León. Son as que presentan máis investimentos e achegas técnicas, con diferente participación dependendo da tecnoloxía, e nalgúns casos, con grandes contribucións tecnolóxicas. Se falamos a nivel empresarial, xa temos en España líderes mundiais en algúns campos, como pode ser a empresa Multiverse Computing no campo do software cuántico para finanzas.

—Como pode competir Galicia con estas potencias que cita?

—A pesar de que a competencia a nivel global é forte, Galicia vai estar nunha situación privilexiada, ao ser unha rexión que vai ter unha das primeiras infraestruturas públicas de computación e comunicación cuánticas en Europa.

—Cal é o impacto desta tecnoloxía nas investigacións científicas feitas en Galicia?

—A comunicación e computación cuántica son ámbitos con moitísimo potencial de futuro, pero aínda con grandes retos que afrontar antes de que sexa unha tecnoloxía exitosa e dispoñible amplamente para o beneficio da sociedade. Esta é a grande oportunidade para Galicia de desenvolver investigacións científicas que contribúan a facer desta tecnoloxía unha realidade para toda a sociedade nun futuro, e ter a grande vantaxe de ter a persoas formadas, a infraestrutura establecida e o ecosistema axeitado para cando este momento chegue, para que Galicia poida ter vantaxe estratéxica e económica. O que está claro é que Galicia non pode permitirse perder esta oportunidade de aportar significativamente á segunda revolución cuántica, e o Polo é a ferramenta para aproveitala.

—En que sectores empresariais de Galicia pode espertar interese?

—Hai moitísimos sectores empresariais que están mostrando xa o seu interese por coñecer estas tecnoloxías e adaptarse a elas. Algúns exemplos de sectores que poden estar inicialmente máis interesados son o farmacéutico, médico, financeiro, o aeronáutico, as telecomunicacións, o sector TIC en xeral ou o industrial. Case todos os sectores estratéxicos de Galicia, se non todos, xa teñen amosado interese en coñecer as posibilidades desta nova tecnoloxía, e incluso algúns están empezando a facer esforzos por despregala. Porén, todo sector que estea interesado en comunicacións extremadamente seguras, ou en resolver certos problemas complexos, como poden ser os algoritmos de intelixencia artificial ou a optimización de procesos, e facelo de xeito moi eficiente, debería estar mirando xa cara as tecnoloxías cuánticas.