Xallas, en Negreira, retoma con forza a súa romaría

Emilio Forján SANTA COMBA

SANTIAGO

A pequena ermida de San Xoán do Carballoso está rodeada dun muro de pedra que delimita o espazo onde se levanta, e moi preto atópase a fonte milagreira.
A pequena ermida de San Xoán do Carballoso está rodeada dun muro de pedra que delimita o espazo onde se levanta, e moi preto atópase a fonte milagreira. Cedida

Este venres haberá misas, pulpeira e música na festa ancestral de San Xoán do Carballoso

23 jun 2022 . Actualizado a las 05:05 h.

Nun lugar apartado da parroquia de Xallas, en Negreira, atópase a capela na que cada 24 de xuño se venera A imaxe de San Xoán do Carballoso, na que é a romaría máis ancestral da zona. Encravada nunha carballeira con penedos graníticos, esta paraxe natural ofrece unhas fermosas vistas dos canóns do río Tambre onde desemboca o regato de Xallas, e próxima ao monte do Castelo, xa no municipio de Outes, un extraordinario miradoiro con vistas á ría de Muros-Noia. A pequena ermida está rodeada dun muro de pedra que delimita o espazo onde se levanta, ao tempo que moi preto atópase unha fonte milagreira onde os romeiros poñen panos e anacos de roupa, tras secar aquelas partes do seu corpo como a cara, que contan con verrugas para sanar.

Este 24 de xuño, un venres que ademais é festivo en Galicia, a veciñanza de Xallas vai recuperar a romaría festiva de antes da pandemia, na que o culto relixioso mestúrase con ambiente festivo de grupos de música e o xantar campestre coas merendas dos romeiros. Volve o San Xoán do Carballoso con toda a súa esencia, e faino neste fermoso lugar ao que se accede por unha pista asfaltada dende o núcleo de Forniños, practicamente no límite co concello de Outes.

Conta Marcelino García, un dos promotores da festa e encargado dende hai anos de efectuar a tradicional poxa de galos que son ofrecidos ao santo, que xa tocaba recuperar a romaría, «na que téñense chegado a xuntar case dúas mil persoas nos seus mellores anos», apunta. Haberá misas ás dez, once, doce e a cantada á unha da tarde, seguida da procesión. Non faltará a música cun grupo encargado de amenizar a festa e, maila charanga Tíralle do Aire. Tamén haberá unha pulpeira para os que non queiran levar a comida para as merendas.

Dun tempo a esta parte, a realidade é que o San Xoán foi perdendo ese seguimento masivo, pero aínda son moitas as persoas da zona de Cando e Pontenafonso que cada 24 de xuño se achegan por devoción ata O Carballoso, ao igual que dende as parroquias lindeiras de Arzón, Lueiro ou Liñaio; xa que por algo segue sendo unha das romarías máis ancestrais que como di Marcelino «aínda conservan o espírito das festas de antes, e é algo que a caracteriza historicamente», segundo afirma.