Santiago pon voz a Delgado Gurriarán: de recitais a versos na Praza de Abastos

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Recital en El Corte Inglés
Recital en El Corte Inglés Sandra Alonso

A xornada de hoxe inclúe reivindicación do galego e lembranzas ao autor

17 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Con celebración anticipada e tamén no día grande. Santiago e a súa área festexan o Día das Letras Galegas dedicado a Florencio Delgado Gurriarán con diversidade de propostas que, ademais, non só se centran no ámbito cultural, senón que tamén chegan a outros eidos, como o económico ou o deportivo. Non só haberá festa, senón tamén reivindicación do uso do galego, como a manifestación de Queremos Galego hoxe a partir das 12.00 horas con saída da Alameda.

Arantza Portabales, Llerena Perozo Porteiro, Marilar Aleixandre e Manuel Portas puxeron onte voz a poemas de Florencio Delgado Gurriarán nun recital na librería de El Corte Inglés. Non foi o único acto para recordar ao escritor homenaxeado. Tamén empezaron os paseos guiados Compostela exiliada, no que xunto ao autor de Galicia infinda se lembra a outras personalidades que tamén sufriron o exilio. Continuarán hoxe e mañá con inscrición previa.

O paseo guiado «Compostela exiliada» continuará hoxe e mañá
O paseo guiado «Compostela exiliada» continuará hoxe e mañá Sandra Alonso

O Mercado de Abastos sumouse ás actividades das Letras Galegas. Desde onte hai pintadas no chan —usaron material de doada limpeza— con frases e palabras en galego. Ata o vindeiro sábado poderanse ler «Galicia é infinda!», «Somos galegos porque Galicia nace en nós» ou «Cantarte hei, Galicia», entre outras. Ademais, coa campaña «Lendo (n)a Praza), en colaboración con Política Lingüística, agasallan cun libro os pedidos enviados polo servizo a domicilio. Os nenos que visiten a consigna recibirán un libro ou bolsa dos Bolechas cedidas pola librería Couceiro.

O Mercado de Abastos inclúe verbas no chan  ata o sábado
O Mercado de Abastos inclúe verbas no chan ata o sábado

As actividades do Día das Letras continúan hoxe. No Casino, Inma López Silva e Suso de Toro asinarán de 12.00 a 13.00 horas exemplares das súas obras. Tamén chegará a oitava edición da Carreira Camiño das Letras, cunha proba absoluta desde o Pico Sacro e un percorrido máis curto na Cidade da Cultura. Hai máis de 250 persoas inscritas. Por outra banda, os que se acheguen ao Gaiás nesta xornada poderán unirse a unha lectura participativa de textos de Delgado Gurriarán. Non será a única vez que soarán os versos do autor. Ás 21.00 horas, na praza de Praterías, estudantes do Xelmírez recitarán poemas de Galicia infinda.

Citas en Melide, Padrón e Teo

As actividades non se cinguen a Santiago. Melide acolle hoxe dous actos para poñer en valor o traballo de veciños que deixaron pegada propia no eido das letras. Hai unha homenaxe aos escritores de onte. Impulsouna o museo etnográfico da comarca, dende o que se organizou unha ofrenda floral, no cemiterio municipal do Castelo, a Manuel e Antonio Taboada Roca, Eduardo Álvarez Carballido, Emilio Pereiro Quiroga, Juana Teresa Juega, Xosé Domingos Fuciños, Antonio Hermida, Nilo Cea, José Manuel Rodríguez Pampín, Amador Rodríguez Martínez e Carlos Parrado. Será ás 17.00 horas. Por outra banda, o encontro cos autores melidenses de hoxe, organizado pola concellería de Cultura con motivo do Día das Letras, será ás 19.00 horas no centro sociocultural Mingos de Pinta, e nel participarán Antom Laia, Xesús Lois Mariño, María Xesús Blanco, Xosé María Santín, Luisa Pereiro, Fe Núñez, Paco Veiga e Xosé de Cea.

Padrón, pola súa banda, acolleu onte a Festa da Lingua, que contou coa participación do alumnado de secundaria do municipio, e incluíu a entrega do premio do Certame Poético Rosalía de Castro ao noiés Manuel López. Ademais, hoxe, a partir das 12.00 horas, hai unha visita teatral, titulada «Camiño branco de Rosalía», que partirá desde Fondo de Vila ás 12.00 horas e percorrerá a zona vella de Padrón.

En Teo, ás 18.00 horas, na biblioteca dos Tilos, desenvolverase un xogo dirixido á rapazada sobre as Letras Galegas e a vida de Delgado Gurriarán.