A exposición da Biblioteca de Galicia conta con varias primeiras edicións dos libros do homenaxeado polas Letras Galegas
12 may 2022 . Actualizado a las 22:00 h.
Corenta pezas bibliográficas permiten percorrer a traxectoria vital e literaria de Florencio Delgado Gurriarán na Biblioteca de Galicia. A exposición inaugurada onte con motivo do Día das Letras Galegas destaca pola presenza de varias primeiras edicións de textos do autor homenaxeado este ano.
A mostra está articulada en seis vitrinas. A primeira delas recolle biografías sobre o autor. A segunda amosa a súa faceta literaria. Nela atópanse, entre outras pezas, primeiras edicións dos catro libros de poesía do homenaxeado: «Bebedeira» (1934)», «Galicia infinda» (1963); «Cantarenas: poemas 1934-1930» (1934-1980)» (1981); e «O soño do guieiro» (1986). Posteriormente, aborda a súa labor como tradutor e activista cultural, incluíndo tamén primeiras edicións. Non falta a súa relación coa prensa e tampouco a revista «Vieiros», que impulsou en México. Recóllense os seus catro números publicados nos anos 1959, 1962, 1965 e 1968. Para rematar, a mostra recompila textos que se están publicando agora.
O director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, resaltou que a mostra permite ver as facetas polas que Delgado Gurriarán está sendo homenaxeado: a de poeta e a labor feita no exilio mexicano. Na mesma liña se pronunciara antes Ricardo Gurriarán, biógrafo e familiar do autor: «Todo está recollido aquí». Resaltou, ademais, a dificultade para conseguir algunhas das primeiras edicións que conforman a mostra xa que hai moi poucos exemplares. Tamén participou o concelleiro de Educación de Santiago, Rubén Prol.