Fidel Martínez, profesor de Economía da USC: «Os maiores de máis idade din que teñen mellor calidade de vida»

Joel Gómez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Fidel Martínez salienta o potencial económico das persoas maiores
Fidel Martínez salienta o potencial económico das persoas maiores PACO RODRÍGUEZ

Defende o valor da «economía prateada» e os coidados que presta o colectivo de 65 e máis anos tras un recente estudio da Cátedra da Cruz Vermella na pandemia da covid-19

14 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O 48,1 % das persoas entre 65 e 100 anos manifestan ao seren entrevistadas que a súa calidade de vida é «boa» ou «moi boa»; e ascenden ao 70 % ao somar quen responden que a consideran «normal». Esa é unha das conclusións dun recente estudo realizado pola cátedra da Cruz Vermella da USC. O seu director, o profesor Fidel Martínez Roget, da Facultade de Economía, salienta que o resultado é especialmente bo, porque se fixo durante a pandemia da covid.

—Que valoran como calidade de vida?

—Utilizamos un cuestionario deseñado pola OMS, validado internacionalmente, ao que incorporamos algunhas preguntas, tendo en conta a situación da pandemia e o impacto no colectivo de maiores. O concepto de calidade de vida ten en conta a dimensión física, psicolóxica, ambiental e as relacións sociais.

—Esperaban uns resultados así?

—A percepción da calidade de vida é subxectiva e dinámica, depende da situación concreta. Hai 3 anos, por exemplo, a ninguén lle preocuparía a covid ou o actual conflito no Leste da Europa. Das respostas concluímos que os maiores de máis idade din que teñen mellor calidade de vida.

—Como é iso?

—Practicamente o 60 % das persoas de 85 e máis anos entrevistados valoraron a súa calidade de vida como «bastante boa» ou «moi boa»; e entre menores de 85 anos as porcentaxes para esas valoracións non chega ao 50 %.

—Que factores inflúen nesa valoración tan positiva?

—Identificamos catro grupos homoxéneos e vimos como as persoas máis vulnerables e que valoran peor a súa calidade de vida son mulleres, entre 75 e 84 anos, normalmente viúvas, que viven soas e padecen algunha doenza.

—E quen a valoran mellor?

—O grupo formado maioritariamente por homes, casados, con estudos superiores. que exerceron profesións asociadas a maiores contraprestacións económicas e que maioritariamente declaran non se sentiren doentes nin ser usuarios de ningún recurso asistencial.

—Como é o colectivo de maiores?

—Un 60 % da esperanza de vida na nosa sociedade aos 65 anos é sen discapacidade. As persoas maiores viven cada vez máis anos e en mellores condicións de saúde, e podemos considerar iso altamente exitoso e reflexo dunha mellor calidade de vida.

—Fala da «economía prateada», como a define?

—O colectivo de maiores é moi heteroxéneo. Reciben coidados, e tamén os proporcionan. Na nosa sociedade un 15 % das persoas de 65 e máis anos coidan doutras dependentes, en moitos casos cunha alta intensidade horaria. Moitas desas son persoas formadas, con tempo libre, que cotizaron pola pensión moitos anos e teñen elevada capacidade económica. Esas persoas supoñen novos nichos de mercado de ocio, tecnoloxías e outras demandas, iso é a economía prateada.

—Este estudo pode ser xeneralizado para a sociedade galega?

—No estudo utilizamos unha base de datos moi ampla, da Cruz Vermella e si que é significativo. A idea sería que houbese un observatorio para ver como evoluciona a calidade de vida, porque a situación muda moito.

—Cales ve como prioridades para o colectivo de maiores?

—É importante mellorar as condicións de atención no lar, para que se manteñan no seu entorno habitual, con maior apoio ás súas familias e potenciando os servizos de proximidade. E hai que ter máis en conta a opinión das persoas maiores, ver a vellez desde un punto de vista máis positivo que a tradición predominante dun modelo asistencial que asocia vellez a decadencia, pobreza e necesidade de coidados. Os nosos maiores están contra o paternalismo e a sobreprotección, non queren que se lles trate como se fosen nenos, senón en igualdade de condicións.

Casi 7.500 mayores usan el servicio de teleasistencia de la Cruz Roja

El servicio de teleasistencia domiciliaria de la Cruz Roja lo utilizaban el 30 de abril de este año 7.422 mayores en la provincia de a Coruña, sumados quienes se benefician de convenios de la Xunta o ayuntamientos y quienes optan de forma privada. Son personas que, por motivos de discapacidad, aislamiento social, enfermedad, riesgo psicosocial o físico precisan atención continuada, de forma transitoria o permanente, por personal especializado. La teleasistencia la prestan a través de la línea telefónica o con un equipamiento de comunicaciones e informático específico.

La Cruz Roja cuenta con 177 personas voluntarias que prestaron apoyo al colectivo de mayores en el primer cuatrimestre de este año en la provincia. A 263 mayores con funciones cognitivas deterioradas les ofrecieron talleres de memoria y otras atenciones; a 59, actividades para promocionar el envejecimiento saludable; y a 44 más les promocionaron la participación social y realizar actividades de yoga, paseos saludables, gimnasia de mantenimiento, baile y otras. En 32 casos intervinieron para proteger contra el maltrato.

Además, actuaron para detectar situaciones de soledad no deseada, ofrecer acompañamiento digital, o fomentar en 303 casos la relación con el entorno para mejorar la calidad de vida.