As Repeniqueiras e as Cantareiras de Rois cumpriron dez anos

Uxía López Rodríguez
Uxía López ROIS / LA VOZ

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

Os dous grupos chegaron a ter unha vintena de membros e, nalgún caso, a coincidir catro persoas da mesma familia

25 may 2022 . Actualizado a las 12:01 h.

As Repeniqueiras de Urdilde, grupo vinculado á Asociación de Mulleres Rurais desta parroquia, e As Cantareiras da Asociación de Amas de Casa de Rois estiveron de aniversario. Ambas formacións acaban de cumprir dez anos de vida e, ao seu carón, a profesora que lles dá clases a través do Concello, Jéssica Beiroa. Anos máis tarde comezou tamén o grupo de Pandereteiras de Ermedelo, da Asociación de Mulleres Rurais desta parroquia.

Nestes anos, os dous primeiros grupos chegaron a ter unha vintena de membros e, nalgún caso, a coincidir catro persoas da mesma familia. «É un grupo moi cohesionado, que traballa moi ben; encántalles a todas cantar e tocar a pandeireta», asegura a profesora en relación ás Repeniqueiras de Urdilde, que mesmo chegaron a publicar un disco no ano 2014 baixo o título de A pandeireta na man. Para presentalo, foron ao programa Luar da televisión autonómica.

Tamén actuaron na romaría do Soutullo; na do Naturfest de Rois; no Serán da Lingua; no Centro de Día de Urdilde e na sede de Amipa, entre outros lugares. Son todas mulleres do ámbito rural, na súa maioría cunha idade media de máis de 65 anos, que atopan no grupo e nos días de ensaio (un día á semana) un «espazo de convivencia veciñal», no que aprender a cantar e tocar a pandeireta «cun sorriso», conta a súa profesora Jéssica Beiroa.

Di que os ensaios tamén teñen a súa parte de socialización xa que, ás veces, pese a residir na mesma aldea, as veciñas non se ven e, dende a pandemia, menos do que lles gustaría. A actividade lecer tamén ten moito de sentirse útiles e orgullosas, como pasou cando formaron parte do vídeo que editou o Centro de Información Á Muller Terras de Iria para conmemorar a data do 8 de marzo, traballo que ten letra de Jéssica Beiroa e música tradicional con arranxos feitos tamén pola profesora.

Esta fala de que as veciñas repeniqueiras, cantareiras e pandeireteiras de Rois teñen «unha constancia que non ten a xente máis nova». Por iso, longa vida á súa música e canto tradicional, para o que é preciso que o Concello siga mantendo o seu apoio e que elas teñan ganas de seguir.