«100 % María Casares» amosa en Santiago as diversas facianas dunha estrela

La Voz

SANTIAGO

XOAN A. SOLER

A mostra itinerante en torno á actriz comeza a súa andaina na avenida Xoán XXIII

27 abr 2022 . Actualizado a las 04:55 h.

Articulada en cinco grandes paneis en forma de estrela, a exposición «100 % María Casares. O teatro é o refuxio» busca contribuír a divulgar a relevancia da figura da artista e o seu legado entre a poboación no marco das actividades conmemorativas organizadas polo centenario do seu nacemento. Esta mostra itinerante impulsada pola Xunta de Galicia inicia a súa andaina na avenida Xoán XXIII de Santiago, onde permanecerá ata finais de maio, para despois desprazarse por Ferrol, Vigo, Pontevedra, Lugo e Ourense, onde rematará o percorrido en novembro.

Esta exposición sobre María Casares comisariada por Arancha Estévez Lavandeira afonda nas diferentes facetas da actriz e en aspectos curiosos e menos coñecidos da súa traxectoria co obxectivo de presentala como unha das grandes figuras do teatro internacional do século XX. Nos cinco grandes paneis abórdanse tanto cuestións relacionadas coa súa vida persoal como profesional. Despois dun primeiro panel introdutorio, o proxecto expositivo aborda a familia, a Segunda República e os primeiros lugares de residencia da actriz, A Coruña e Madrid, así como o exilio en París. Tamén recolle a experiencia de María Casares na gran pantalla, a súa relación con Albert Camus e a súa entrega ao teatro. Non falta o seu retorno a España nos anos 70 e o seu legado e recoñecemento. O epílogo céntrase na conversa que a artista mantivo dous anos antes da súa morte con Manuel Rivas. O director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, foi o encargado de inaugurar a mostra nun acto con representantes doutras entidades.