Ortiga e Pili Pampín: «Aínda que entendemos a música de distinta forma, é compatible»

SANTIAGO

XOAN A. SOLER

O músico santiagués e a cantante de Teo fan unha versión con ritmos merengues de «Eu chorar chorei»

25 abr 2022 . Actualizado a las 01:40 h.

Un artista recentemente nomeado aos Premios MIN na categoría de mellor gravación de músicas urbanas. Unha cantante con máis de tres décadas de traxectoria na música melódica galega. Son o compostelán Manuel González, Ortiga, e a teense Pili Pampín —nada en Rois—, que agora cruzan os seus camiños para ofrecer unha nova versión marcada polos ritmos latinos dunha canción tradicional galega, «Eu chorar chorei». Complicada esa fusión? «Non, todo foi moi fácil. Pili, sempre dixo que si a todo e estivo moi colaborativa», responde Ortiga. Unhas palabras que corrobora a artista. «Parecíame fantástico todo que o que ía pasando e dicíalle que lle dera para adiante», afirma Pili Pampín.

O xermolo deste tema conxunto e videoclip haino que buscar a principios do 2021. Daquela, no programa televisivo «Land Rober», propuxéronlle unha colaboración entre Boyanka Kostova —outro dos proxectos de Ortiga— e Pili Pampín. «Foi a primeira vez que usei o autotune (un procesador de voz), ata fixen un aturuxo», explica Pili. Foi aí cando se coñeceron. «Fixemos moi boas migas», resalta Ortiga. Así que cando para un especial televisivo de fin de ano lle propuxeron preparar algo xuntos, non o dubidaron pese ao pouco tempo de marxe e chegou ese «Eu chorar chorei». Un tema que sempre atraeu ao músico compostelán e que pasou polo prisma dos ritmos merengues para a colaboración. «Gústame apoiarme na cultura galega e se me podo aliar con persoas como Pili Pampín, van elevar o resultado máis [...] Ela é unha lenda da música en Galicia», afirma Ortiga.

Como casar eses mundos tan diversos? «Aínda que comprendemos a música de distinta forma, a música é música, é totalmente compatible», resalta Ortiga. Pero, non pode sorprender este dúo? «Si, pode sorprender, pero eu son un personaxe bastante heteroxéneo, así que, ao mesmo tempo que sorprende, tamén é esperable. Identifícome máis con Pili Pampín que con outra xente que me toca máis por xénero musical ou por xeración», contesta o compostelán.

Pili Pampín, pola súa banda, nunca se imaxinara con anterioridade facer algo semellante e as súas fillas animárona a traballar con Ortiga. «Eu penso que chegou o momento que a min, o que me boten. O caso é pasalo ben», resalta, asombrada polo impacto de «Eu chorar chorei», achegando á súa música xeracións que nunca antes se interesaran. Iso si, faino sen usar o autotune: «Mentres a voz me responde, non quero».

Concerto na Capitol

Ambos artistas non descartan novas colaboracións. Ademais, xa será posible velos xuntos sobre o escenario o 6 de maio na Sala Capitol, onde Ortiga presentará o seu último traballo discográfico, «Sabes el camino que elegí», que saíu publicado na recta final do ano pasado. Ademais de Pili Pampín, acompañarán ao músico santiagués Grande Amore, Carlangas, High Paw e Cibrán de Boyanka Kostova.