Frei Bartolomé de Olagüe, «o único organista barroco de Santiago con obra»

Monste García

SANTIAGO

O investigador e músico Andrés Díaz, no órgano de San Paio
O investigador e músico Andrés Díaz, no órgano de San Paio XOAN A. SOLER

Andrés Díaz descubriu a orixe compostelá do músico, que protagoniza o ciclo De Lugares e Órganos

15 abr 2022 . Actualizado a las 04:55 h.

Non era un descoñecido. Frei Bartolomé de Olagüe é o autor de 26 das pezas incluídas no «Libro de cifra de Porto», unha das fontes máis importantes de música para tecla da Península Ibérica do século XVII. Sen embargo, nada se sabía da orixe deste organista barroco ata que o investigador e músico Andrés Díaz se cruzou pouco antes da pandemia co seu nome cando estaba buscando no Arquivo do Reino de Galicia uns documentos sobre Sobrado dos Monxes. A partir de aí atopou datos que o situaban como organista e que nacera en Santiago. «É importante a descuberta para nós como galegos porque temos un primeiro organista barroco con moita obra. Nesa altura do século XVII ningún autor ten moita obra porque non había imprenta musical», destaca o investigador.

Esta descuberta propiciou que Frei Bartolomé de Olagüe sexa un dos protagonistas do ciclo De Lugares e Órganos. Este mércores Andrés Díaz ofreceu unha charla sobre a súa figura acompañado polo músico e compositor Fernando Buide, que interpretou algunha das súas pezas. Ademais, varias composicións do organista barroco forman parte dos programas dos concertos do ciclo, como acontecerá este domingo. «Temos centos de organistas en Galicia, pero sen ningunha nota deles. Frei Bartolomé de Olagüe é o único organista barroco con obra que sabemos que é de Compostela», resalta Andrés Díaz. Ademais é un dos que máis pezas se conserva. «De Pablo Bruna, un dos organistas máis relevantes do século XVII, só hai 31», pon como exemplo.

Antes desta recente investigación que descubriu a orixe deste organista e compositor, coñecíase a existencia dun Bartolomé de Olagüe que fora mestre de capela da catedral de Santiago e morrera en 1658. Sen embargo, segundo resalta Díaz, os especialistas consideraban que as composicións recollidas no «Libro de cifra de Porto» eran demasiado modernas para que as fixera esa persoa. A documentación atopada polo investigador aclara esa situación: era outro Bartolomé de Olagüe o autor dese máis de 30 % de composicións que se atopan no libro. O autor das pezas naceu en Santiago en 1652, fíxose monxe en Sobrado no 1666, onde estivo 40 anos ata que viaxou para o mosteiro de Santa Ana de Madrid.

Fillo dun cóengo

E a coincidencia de nome? Frei Bartolomé era fillo do cóengo e mestre de capela da Catedral. Así o asinaba o propio fraile na documentación de Sobrado dos Monxes. A partir de aí, o investigador buscou a partida de bautizo, e non foi doado porque o arcipreste de Santiago a falsificara para que puidera entrar antes de cumprir 16 anos no mosteiro. Nesa partida de bautizo figura como fillo de María Rodríguez, de Miño, e Melchor López, «solteiros». «Non ía poñer que era fillo dun cóengo», di Díaz. Iso si, explica que a documentación demostra que sempre estivo protexido desde ese círculo musical ligado á Catedral: «O padriño era un músico».

Díaz resalta que o descubrimento da documentación non só permite saber a orixe dun dos autores das composicións incluídas no «Libro de cifra de Porto», senón tamén coñecer máis sobre o manuscrito. Detalla que todas as evidencias apuntan que o libro foi copiado en Galicia pois, pese a estar en portugués, os 16 autores de obras son hispanos. Ademais, posibilita profundar na transmisión das composicións, así como o papel educador que exercían as capelas de música.