Alberto Mira, Berto: «Este disco é autobiográfico. Levaba dous anos deprimido e facendo música para ir de festa»

La Voz

SANTIAGO

C

O músico afronta hoxe na Capitol a presentación do seu primeiro proxecto en solitario, «Viaxe ao espazo interior»

31 mar 2022 . Actualizado a las 04:55 h.

21.00 horas • Sala Capitol • Desde 8 euros • Alberto Mira, Berto, revolucionou xunto a Fernando Peleteiro a música independente en galego co dúo Verto despois de coñecerse estudando Medicina. Agora, Berto abriu unha nova etapa en solitario co disco «Viaxe ao espazo interior», que viu a luz en novembro. Esta noite preséntao en directo por primeira vez acompañado sobre o escenario de María Soa e Lorena Cachito. «A verdade é que teño ganas; estamos bastante nerviosos, pero con ganas», afirma.

—Como será subirse ao escenario sen Fernando?

—Complicado porque estás acostumado a estar cunha persoa que acapara a metade do protagonismo (ri), e sempre é máis difícil estar ti só. Pero vou ter a dúas persoas moi válidas como músicas, entón, quítame ese nerviosismo. Pero sempre está aí a responsabilidade de a ver que tal o fas ti só.

—Como é Berto de diferente a Verto? É moi distinto?

—Si, a música que estou sacando é bastante diferente. Unha vez estás só, as túas sensibilidades que antes non saían polo ben do equipo, agora saen porque es ti só e produces a música ti na casa. Entón, sae o teu lado máis íntimo artisticamente, e no escenario será o mesmo. É un concerto máis íntimo, onde hai unha narración, un álbum que vai sobre a depresión, os trastornos mentais... É un concerto cunha temática diferente. Pero hai de todo, a idea é que a segunda parte do concerto sexa tamén para bailar e pasalo ben. Agora xa tes un lado máis intimista.

—O disco reflicte as súas propias vivencias?

—O álbum é autobiográfico. Fíxeno cando estaba saíndo dunha depresión que tiven durante dous anos. Foi máis a necesidade de conectar cunha música que eu fixese. Levaba dous anos superdeprimido e facendo música de coña e para saír de festa. Nese sentido, o que facía estaba fóra de contexto do que era a miña vida e as miñas vivencias. Agora síntome moito máis identificado coa música que fixen.

—É o adeus definitivo a Verto?

—Fer tomou a decisión de deixalo para estudar o mir e ser médico xa que non tiña oco para seguir co proxecto porque era algo que nos estaba ocupando moito tempo e así non hai maneira de facer o mir. Entón, non sei o que vai pasar. O que si é que eu non vou parar na música porque me gusta, estou a tope e a xente está respondendo. Por iso estou contento.

—A bata branca aparcouna definitivamente, entón?

—Eu acabei a carreira e sempre me gustou moito, pero na música aínda me queda moito por aprender. Non vou dicir que nunca serei médico porque nunca se sabe. Agora mesmo estou máis centrado nisto, é o meu traballo porque tamén estou sendo produtor.

—Está contento coa resposta acadada polo disco?

—Obviamente, se pasas de facer cousas festeiras como «Oie gayego» a facer un álbum sen sacar ningún adianto e sobre unha depresión, con música máis elaborada, máis lenta, sabes que vas conectar con menos xente. Pero o álbum vai camiño das 100.000 reproducións en Spotify, e iso é unha pasada. Estou contento porque non saquei as miñas mellores cancións, así que teño moita esperanza no futuro. Ademais, temos bastantes concertos.