Nacho Castaño: «Para un actor non é só gratificante estar sobre as táboas, senón que é necesario»

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

c

Tras máis de 15 anos sen facer teatro, agora protagoniza a obra «A peste» do CDG

08 mar 2022 . Actualizado a las 23:44 h.

O de dedicarse a interpretar venlle a Nacho Castaño (Vilagarcía, 1972) no ADN. «Meu pai tocaba o piano, miña nai cantaba, meu avó materno dirixiu teatro e zarzuela e miña avoa era actriz. Na miña familia sempre houbo esa tradición artística». Así que o feito de que acabara el tamén como actor non sorprendeu. «Sempre me apoiaron», explica. Aínda que a súa primeira representación a fixo cando cursaba terceiro de EXB en Vilalba, o seu debut no eido laboral chegou cando tiña 13 anos. Foi no ámbito da dobraxe. «Eramos cinco irmáns, eu era o máis traste de todos —que non malo—, así que miña nai, que facía dobraxe, levoume con ela para que non revolucionara ao resto de irmáns. O que fixo foi que me encantara a dobraxe, porque tamén me permite interpretar», afirma Nacho Castaño.

Pero non quedou só na dobraxe. Pouco despois chegaría o seu primeiro filme, cun papel na película Divinas palabras, de José Luis García Sánchez. Para o seu debut teatral profesional habería que agardar algo máis. Concretamente, ata 1999, da man de Roberto Vidal Bolaño na montaxe Xelmírez ou a Gloria de Compostela do Centro Dramático Galego (CDG). Agora, precisamente, despois de máis de 15 anos centrado no eido audiovisual, regresa sobre as táboas con A peste, a última produción da compañía pública galega dirixida por Cándido Pazó. «Un actor nunca deixa de ser actor. É verdade que non é o mesmo facer cine, que televisión, que dobraxe ou teatro, pero unha vez que estás aí, sénteste moi ben e cómodo, como se non pasaran 15 anos», di.

 No seu regreso ao teatro, Nacho Castaño dá vida ao protagonista da novela de Albert Camus, o doutor Rieux, «un médico entregado aos seus pacientes, un filántropo. O problema é que non se dá abstraído do drama que se vive na cidade, incluso chega a desatender a súa propia vida persoal. [...] É un personaxe bastante dramático, pero, afortunadamente, Cándido [Pazó] puxo na peza moitos puntos de alivio cómico». Un papel moi esixente nesta volta ás táboas, xa que Castaño está presente en 38 das 45 escenas do espectáculo de dúas horas e media. Unha montaxe que afronta a súa última semana no Salón Teatro despois da súa estrea o pasado xaneiro.

Para Nacho Castaño, esta montaxe «ofrece moitas similitudes coa situación actual». Non só en alusión á pandemia, senón que tamén agora se lle uniu a guerra de Ucraína, xa que a novela de Camus amosaba a situación despois da Segunda Guerra Mundial. «Cando oímos algunhas das frases que din os compañeiros, ás veces, parece que están falando da actualidade», afirma o actor coñecido por personaxes en series como Mareas vivas, Serramoura, El final del camino, Hospital Central ou O sabor das margaridas. Por que ir ver A peste antes da súa despedida? «Aínda que non é unha comedia, hai momentos que a xente ri con ganas. Hai escenas que pasas de chorar a rir en segundos», afirma Nacho Castaño, apuntando que tamén ofrece unha oportunidade para reflexionar sobre o que está acontecendo. Ademais, é un espectáculo cun elenco artístico formado por quince persoas, «algo que non é habitual de ver».

E despois de despedirse de A peste, volverá Nacho Castaño a subirse ao escenario? «A min encantaríame repetir en teatro. Era o que máis me apetecía facer despois de ir ao cásting para A peste. Para un actor non é so gratificante estar sobre as táboas, senón que é necesario. Aínda que soe a tópico, ese contacto directo co público é necesario», responde. Pero a curto prazo o espectador poderao ver en Rapa, a serie dirixida por Jorge Coira na que interpreta a un xornalista. Ademais, seguirá centrado na dobraxe.