Julio Vázquez, gaiteiro de 85 años: «A primeira gaita que tiven regalouma Basilio Carril»

Natalia Rodríguez Noguerol
NATALIA NOGUEROL ARZÚA / LA VOZ

SANTIAGO

N. NOGUEROL

Este arzuán volveu tocar o instrumento coa xubilación, e ás foliadas, cun grupo de xente que se interesou polo seu legado

28 feb 2022 . Actualizado a las 22:43 h.

Julio Vázquez Carril recibe na súa casa, ao compás dunha gaita. «Estouna afinando que leva tempo sen tocar», di. Fai sonar unha das xotas do cedé co que, hai unha década, Edicións do Cumio recoñeceu a súa figura dentro da colección «Os Nosos Gaiteiros». Vinte e catro pezas —algunhas tocadas e outras cantadas— compoñen o repertorio discográfico, unha mostra da tradición gaiteira de Arzúa, e unha volta á infancia e xuventude dun gaiteiro de 85 anos, en activo dende a xubilación.

«Tocaba na casa cando lle cadraba, pero no 2003 foi cando eses rapaces de Santiago viñeron aquí porque querían aprenden de gaiteiro vello, e deron comigo. Gravaron todo, e dixeron ‘que sorte tivemos con este home’, e, dende aquela, non me deixaron máis», conta o home. Fala de Carlos Rodríguez Osorio, Manuel Noia, e Xosé Tuñas.

Eses dous profesores da universidade de Santiago, e o artesán de instrumentos de percusión levaron de volta a Julio Vázquez ás foliadas. Os catro formaron o grupo Os gaiteiros de San Miguel, collendo prestado o lugar da parroquia de Maroxo onde reside quen foi primo de Basilio Carril, un dos gaiteiros e artesáns galegos de referencia o século pasado.

«Estaba en Santiago, era moi famoso, pero viña á festa á nosa casa. Traía sempre a gaita e tocaba moi ben. Eu era un rapaz; a primeira gaita que tiven regalouma el», lembra do se curmán Julio Vázquez, que aprendeu a tocar o instrumento antes de que o agasallase con el Carril. «Empecei co pallas de centeo; con iso aprendín eu e os de antes ca min», conta o gaiteiro arzuán, custodio tamén dun xeito de tocar —«ao pechado», lle chaman—, característico da zona, e en extinción. Explica, ao respecto, que «tocamos máis coa man de abaixo, e non levantamos moito os dedos», de xeito que «soa mellor o punteiro».

Recibe a mestres de toda Galicia

«O que sabe dáse de conta», afirma Julio Vázquez, que ten recibido na casa a mestres de toda Galicia, interesados en aprender esa maneira de facer soar a gaita. «Algún foino collendo, pero outros non», di.

Toca o instrumento dende os 13 anos, «e non me ensinou ninguén, todo de oído como os gaiteiros que había, un por parroquia», lembra o octoxenario, que rescata o recordo do gaiteiro da Portela, na Castañeda, para explicar como aprendeu a tocar o instrumento: «tocaba unha xota, e tanto me gustaba que quería aprender. Eu estaba bailando, pero tiña o sentido todo no que estaba escoitando».

O gusto e a calidade innata para música herdounas da familia materna Julio Vázquez, que deixou de tocar, aos 17 anos, a raíz da morte do seu pai. «Logo de dous anos de loito, fun facer o servizo militar; á volta casei, e era outra vida, non había tempo», conta o gaiteiro, que retomou a afección aos 60 anos cunha gaita feita con madeira de buxo, regalo dos seu fillos.