Herba Grileira recompila nun disco nove pezas do folclore que documenta o «Terra de Melide»

La Voz MELIDE / LA VOZ

SANTIAGO

CEDIDA

O manual de etnografía publicado no 1933 polo Seminario de Estudos Galegos quedará para a posteridade na gravación

05 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha escolma sonora do folclore musical que recolle o «Terra de Melide», o manual de etnografía publicado en primeira edición no 1933 polo Seminario de Estudos Galegos, quedará para a posteridade nun disco, en formato cedé, que editará Herba Grileira, a escola melidá de baile e música tradicionais. Unha cantiga de berce, unha muiñeira, un alalá, unha carballesa e unha pandeirada son algúns dos ritmos escollidos para o traballo discográfico, que se empezou a gravar a finais de xaneiro en Abrigueiro Estudo, en Friol. A elección de diferentes ritmos fíxose coa premisa de «facer un disco variado tanto na parte musical como na cantada», apunta Miguel Varela, profesor de baile e de diferentes disciplinas instrumentais en Herba Grileira. Ademais da selección, dende a escola de baile e música tradicionais de Melide fíxose un traballo de estruturación e instrumentalización das pezas, de maneira que «aínda que intentamos reproducilas o máis fielmente posible, aportamos arranxos e melodías. Sería unha pena —sinala o músico— non deixar plasmada a nosa visión do que hai recollido no Terra de Melide». Nove temas compoñerán o cedé, no que están implicados profesores e alumnos de Herba Grileira, que conta coa colaboración de músicos como Bruno Villamor, Laura Pazos e Raquel González.

O disco, no que se traballa «sen présas, nin prazos» por mor dos altos e baixos na evolución da pandemia, servirá «para que a xente sexa consciente do que recolle o Terra de Melide, ademais de ser un xeito de conservar o folclore propio que merece a pena», apunta Miguel Varela. E é que os temas «son, salvo a melodía do romance, pezas que non se recoñecen en ningún outro sitio, e o máis antigo que vin», destaca o músico, que lembra, ao fío, o traballo de investigación a pé de campo que, a principios do século pasado, fixeron intelectuais e autores da talla de Otero Pedrayo, Vicente Risco, ou Florentino Cuevillas, para documentar nun libro a etnografía, a historia, a xeografía, a arqueoloxía —entre outros ámbitos de estudo— da comarca de Melide. Do folclore musical encargáronse os compositores e musicólogos Eduardo Martínez Torner e Xesús Bal e Gay, quen «rexistraron melodías con partituras que describían moi ben como tocaban e bailaban», subliña

«Tivemos moita sorte de que esta comarca fora a primeira escollida para desenvolver un proxecto desas características. E a única», afirma o mestre de Herba Grileira, quen lembra que Guerra Civil, primeiro, e a Ditadura, despois, paralizaron unha serie de monografías que sobre as comarcas galegas tiña previsto editar o Seminario de Estudos Galegos. En calquera caso, a escola de baile e música tradicionais de Melide retoma coa edición do disco un proxecto propio que impulsou con motivo da reimpresión, a finais do 2017, do «Terra de Melide». O confinamento e a pandemia botáronlle o freo á iniciativa, que chegou a materializarse en sendas galas musicais e teatrais nas que alumnos e profesores de Herba Grileira amosaron o folclore da comarca melidá de principios do século XX, con escenas cotiás da época.