Tanxugueiras dará nome ao parque de Luou, onde as irmás Maneiro aprenderon pandeireta

Emma araújo SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Xoán A. Soler

O pleno do Concello de Teo tomou o acordo por unanimidade

03 feb 2022 . Actualizado a las 22:35 h.

As Tanxugueiras cantan en todas as linguas de España que «non hai fronteiras». Que habelas hainas está demostrado no feito de que o seu nome —que ata que elas o internacionalizaron e o converteron na palabra do ano de Galicia, era un exemplo da microtoponimia ourensá— tamén vai ser o dun espazo de referencia do concello de Teo: a nova área recreativa de Luou que se está a construír no terreo cedido polo Arcebispado de Santiago por un período de vinte anos.

Este lugar, que ata o de agora era coñecido como a Horta do Cura e que pasará a chamarse Parque das Tanxugueiras, está moi preto da sede da asociación cultural A Mámoa, na que as irmás Olaia e Sabela Maneiro, o 66, 6 % das Tanxugueiras, aprenderon a tocar a pandeireta e tamén a cantar. Non só iso, xa que o parque ten un engadido valor sentimental para as xemelgas polo feito de que os seus pais viven en Luou desde hai anos.

A decisión de darlle o nome de Tanxugueiras, que lle foi trasladada previamente ás artistas, acordouse onte por unanimidade nun pleno ordinario da corporación teense, que ratificou sen debate un texto consensuado minutos antes por todas as forzas políticas da corporación despois de que dúas delas, PSOE e BNG, presentasen distintas propostas para homenaxear ao grupo que a piques estivo de converterse no primeiro representante de España no festival de Eurovisión cunha canción, Terra, con letra en galego, lingua cooficial.

O acordo, que recolle a organización dun acto inaugural contando coa súa presenza, non ten data pechada porque as obras non remataron. Nel destácase que «as Tanxugueiras trasladan coa súa música e baile unha mensaxe da Galicia actual que, sen renunciar ás orixes, adáptase aos novos tempos demostrando que o galego é unha lingua viva que lonxe de pechar fronteiras ábrenos novos horizontes dos que sentírmonos orgullosas». Engade o texto que son «mulleres que beben da tradición doutras moitas que antes nos precederon e ás que renden homenaxe coa súa música e que abandeiran, dende o feminismo, a tradición e identidade».

Xunto á proposta conxunta, o BNG mantivo o texto da súa moción, tamén aprobada por unanimidade, mentres o PSOE, que pedía unha homenaxe que fose «algo máis que unha pancarta no balcón da alcaldía», retirou a súa iniciativa.

O futuro Parque das Tanxugueiras comparte coas artistas a mestura de tradición e modernidade, xa que o seu deseño busca copiar un castro que recreará o pasado prehistórico de Teo, con numerosas e importantes manifestacións de arte rupestre, un espazo común que funcionará como ágora e sede de espectáculos infantís, unha zona de xogos especiais para fomentar a psicomotricidade, e tamén unha pista multideporte.

A intervención, que se está a executar desde hai meses, mantén o cruceiro, os muros de pedra e a carballeira, pero tamén habilita un espazo para o estacionamento de vehículos.

Figueira de Rosalía de Castro

O Parque das Tanxugueiras tamén terá, en principio, unha figueira filla da árbore da Casa Museo de Rosalía de Castro, unha plantación prevista para o 23 de febreiro, dentro das actividades do Concello de Teo para homenaxear á escritora.