Manuela Fraguela: «Queremos que Santiago sexa unha cidade amigable coas persoas maiores»
SANTIAGO

A presidenta da Plataforma de Pensionistas de Compostela confía que o recén formado Consello Municipal integre a máis entidades
30 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.O 26 de xaneiro, no Concello, quedou constituído o Consello Municipal de Persoas Maiores. Este foi un dos principais obxectivos da Plataforma de Pensionistas de Santiago: «Presentamos unha proposta, aprobada por unanimidade do pleno municipal o 14 de marzo do 2019. Por causa da covid e dos trámites administrativos, non se aprobou o regulamento até outubro do 2021. E a convocatoria foi nesta última semana. Foron case tres anos de traballo, seguimento e debates, porque colaboramos na redacción do regulamento», esclarece Manuela Fraguela, presidenta da Plataforma de Pensionistas.
—Que esperan deste Consello?
—Todas as entidades que participamos na primeira sesión,, que foi telemática e sen orde de traballos, pedimos que a próxima sexa presencial, para termos un mellor intercambio de opinións e comezar a traballar. Queremos tamén que o Concello faga unha chamada para que se integren máis asociacións, colectivos e grupos que traballen con persoas maiores. O Consello nace como un foro aberto, para que se poda incorporar quen teña interese e o pida.
—E que asuntos queren acordar?
—Queremos que Santiago sexa unha cidade amigable coas persoas maiores.
—Non o é?
—Non é unha cidade inhóspita, aínda que ten que mellorar. Estamos a traballar sobre iso, elaboramos un documento que contempla diversos aspectos.
—Cales son os máis relevantes?
—Hai aínda moitas barreiras arquitectónicas, que dificultan a mobilidade e o acceso a centros públicos. Tamén se precisa unha programación, desde o Concello, lúdica, cultural, con información sobre sanidade ou alimentación, orientada a mellorar a calidade de vida das persoas maiores.
—Van centrar a reivindicación no Concello?
—Queremos que o Concello tamén nos axude para conseguir aspiracións que dependen doutras institucións, como as consellerías de Sanidade e Política Social. É importante que haxa xeriatras en centros de saúde, porque a medicina que necesitamos os maiores é diferente, con doenzas crónicas, que non se resolven en consultas dun par de minutos. Tamén queremos máis claridade sobre as axudas que se convocan para o noso colectivo. Ou que se orienten máis para as persoas maiores as políticas sociais, non pode haber servizos como hai 30 anos; ou que cando se piden recursos da dependencia non se pode estar esperando 6 ou 7 meses a que respondan, hai que revisar e mellorar esas listas de espera, e atender mellor as prioridades.
—Están ben consideradas as persoas maiores?
—Cómpre un maior respecto e que se poña en valor o que significan as persoas maiores.
—Como se consegue iso?
—Estaría ben, por exemplo, unha materia de libre configuración no ensino sobre a necesidade de aproveitar o coñecemento, os saberes, a prudencia e outros valores asociados ás persoas maiores, hai moito por facer.
«Estaría ben unha materia no ensino sobre a necesidade de aproveitar o coñecemento, os saberes, a prudencia e outros valores asociados ás persoas maiores»
—Teñen descontento coa banca...
—É certo. Está sendo intolerable o que fai: dun día para outro, na liña de máximos beneficios, suspende a atención presencial e non ten en conta un amplo colectivo de xente que non foi educada nas ferramentas informáticas nin nas plataformas en liña; só unha minoría de maiores de 65 anos se manexan nelas con seguridade. Comeza a haber chamadas de atención, da vicepresidenta primeira do Goberno, do Defensor del Pueblo, e gustaría escoitar a alguén da Xunta opinar deste tema. Os maiores non poden ter medo a ir a un banco, ou que non os atendan ben.
—Abordarán estes temas no novo Consello Municipal?
—Queremos falar sobre eses e sobre outros; e que interveñan especialistas que ofrezan ideas e orienten sobre como mellorar.

«Celebramos catro anos na rúa e é preciso continuarmos»
Manuela Fraguela resalta que «é necesario seguir moi de cerca certas concesións das Administracións, evitar negocios que se fan xogando coa saúde e co benestar de persoas maiores indefensas. Convén pór na axenda tamén este tema», afirma.
—En que situación está a Plataforma de Pensionistas de Santiago?
—A nosa primeira mobilización foi en febreiro do 2018 e continuamos os primeiros luns de mes. O 7 de febreiro celebramos catro anos na rúa e é preciso continuarmos, para que se saiba que estamos vixiantes sobre as decisións que nos inflúan.
—Como valora este período?
—Centramos a nosa intervención na defensa dun mellor sistema público de pensións. Publicamos as últimas intervencións, para que se decaten ben as persoas interesadas. Agora van abordar o segundo bloque de medidas, as máis conflitivas, e temos que seguir o debate con atención; e manter as concentracións para que non se disolva o noso movemento, polo menos até que finalice a reforma das pensións e teñamos claro como queda.
—Son as concentracións a única actuación da Plataforma?
—Tamén secundamos outras protestas sobre abusos de persoas maiores e apoiamos a outras entidades que defenden alternativas que vemos de interese. Nós non queremos estar na rúa todo o día e protagonizar todo, vemos ben que a cidadanía se involucre en asuntos de interese común e que nos axudemos entre todos.
—Prevén algún proxecto novo?
—En marzo tentaremos convocar unha asemblea, porque coa covid non houbo ocasión para as poder facer. Queremos escoitar propostas que nos fagan persoas interesadas, que podan falar a vontade. Tamén insistiremos en actividades como a visita que organizamos ao Parlamento, ou de sendeirismo.
—Como entende o envellecemento activo?
—Ese é un slogan de moda que non se sabe moi ben o que significa. Son partidaria dun bo coidado das persoas maiores, que estean ben atendidas na súa saúde e ben alimentadas; que teñan tranquilidade, e a seguridade de que se van ocupar delas se o precisan; e favorecer que sexan activas e teñan oportunidades de participar, se queren; que non se lles aparque. Hai experiencias nos países nórdicos que se deberían coñecer e ter en conta aquí.