Estefanía Pena Bascoy: «O teatro merece ter máis presenza no ensino inicial e na formación docente»

Joel Gómez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

Estudou 45 materiais didácticos, utilizados na escola primaria e na súa experiencia

27 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Docente e investigadora. Estefanía Pena estudou Maxisterio, Pedagoxía e un posgrao en Arte Dramática na USC, onde se doutorou este mes. Fixo teatro e foi axudante de dirección na Aula de Teatro da USC. Exerce como docente desde o 2007, inicialmente en infantil e agora en primaria.

«A práctica do teatro e a dramatización favorece desenvolver experiencias nas primeiras etapas do ensino: empatía, traballo en equipo e colaborativo, e o desenvolvemento dun gusto estético polas artes en xeral. Por iso o teatro merece ter máis presenza no ensino inicial e na formación docente de profesionais da educación e da pedagoxía, para que coñezan ben as súas posibilidades», afirma Estefanía Pena. É profesora de ensino primario no colexio A Maía, de Bertamiráns (Ames) e defendeu este mes a tese de doutoramento na USC. Investigou sobre A presenza da dramatización e do teatro nos materiais didácticos do ensino primario en Galicia, orientada polo profesor Xesús Rodríguez, da Facultade de Ciencias da Educación, e conseguiu a máxima cualificación, un cum laude.

O interese de Estefanía polo teatro ven de longa data: «Na miña etapa de estudante sempre facía teatro e vía un vencello entre o teatro e o ensino. Na investigación, que culminou con esta tese, estudei a presenza da dramatización e do teatro en 45 materiais didácticos de 7 editoras diferentes. Entre eses materiais hai libros de texto, guías didácticos, cadernos do alumnado e cadernos de animación á lectura. E concluímos que as presenzas da dramatización e do teatro son bastante escasas en xeral en todos os materiais analizados», manifesta.

Existen algunhas matizacións, esclarece Estefanía. Así «o teatro ten maior presenza nas áreas das linguas; concretamente en Lingua Galega e Literatura e en Lingua Castellana e Literatura; tamén en Inglés, aínda que moito menos. No tocante ás materias de Ciencias Sociais, Ciencias da Natureza e Matemáticas, a presenza é nula ou anecdótica. Analizamos igualmente o currículo de primaria e verificamos unha presenza do teatro limitada».

Nas áreas das linguas, acrecenta esta docente, o teatro aparece maiormente como contido: «De feito, nos propios materiais didácticos deparamos con textos dramáticos ou contidos potencialmente dramatizables como contos, adiviñas, algunhas cancións, ou algúns textos de literatura dramática, e sempre desde un enfoque da lecto-escritura. Hai algunha proposta de dramatización ou posta en escena, mais case nunca hai instrucións moi claras, nin sequera se presupón unha formación do docente, porque aparece moi de esguello».

Así, «é un teatro para ler sobre todo. E cando se propón para representar moitas veces é de xeito optativo, non se especifican ben os espazos, nin como se debe levar a cabo nun escenario; ou a explicación é de maneira moi confusa», manifesta.

Estefanía centrou a investigación do doutoramento nos cursos segundo e terceiro de primaria. «Unha das propostas de mellora que se fai é que os materiais didácticos teñan unha presenza máis activa e que se fomente non só a lecto-escritura, tamén aspectos de carácter expresivo para o alumnado. Na miña experiencia, teño moitas dificultades para utilizar o teatro nas aulas de primaria polo ritmo da escola; e coa pandemia todo se complicou, pola complexidade dos protocolos. Antes traballei na etapa de educación infantil e resultaba moito máis doado. Porque en infantil temos un recuncho para traballar o xogo simbólico; e é moi frecuente utilizar na aula obxectos que permiten a dramatización entre o grupo de iguais. En todo caso, na miña práctica como docente tento dar un enfoque do teatro alén da lecto-escritura». Defende que os resultados «poñen de manifesto a necesidade de pór en valor o emprego da dramatización e do teatro no ensino a través dos materiais didácticos, polos beneficios que a súa práctica comporta para o desenvolvemento íntegro do alumnado nos procesos de ensino e de aprendizaxe», insiste Estefanía.